AC no Hacklab. Interpretando o «Silencio» de John cage

7 abril 2007

Noticia en Galicia Digital:

O Marco organiza unhas interpretacións do libro Silencio, de John Cage

A cargo do Grupo AC (Eventos Fluxux), enmárcase no conxunto de actividades paralelas de Escoitar.org, no Espazo Anexo do Museo.

O venres 6 de abril ten lugar no Espazo Anexo do MARCO a terceira das actividades paralelas que o colectivo Escoitar.org ven organizando neste Laboratorio de audio. O Grupo AC de Vigo, integrado polas artistas e intérpretes Estela Ballesteros e Cecilia Blanco, coa colaboración dos actores Artús Rey e Juan Luis Carro, levará a cabo varias interpretacións do libro Silencio, de John Cage.

Interpretacións do libro Silencio, de John Cage
Grupo AC (Eventos Fluxus): Estela Ballesteros e Cecilia Blanco, coa colaboración de Artús Rey e Juan Luis Carro
Data: venres 6 abril
Lugar: Espazo Anexo (praza peonil posterior)
Horario: de 19.00 a 21.00
Entrada libre ATA COMPLETAR AFORO (50 PERSOAS)

O termo “Fluxus” foi empregado por primeira vez polo artista norteamericano George Maciunas en 1961: “(…) o artista non debe facer da súa arte unha profesión. Todo é arte e todos poden facelo”. A partir de entón o concepto Fluxus serviu como denominación para concertos e eventos, manifestos e edicións que se publicaron en Europa, EE.UU. e Xapón. A partir dos anos sesenta e ata hoxe, Fluxus mantívose como denominador común para unha morea de actividades artísticas, e tamén como unha rede multidimensional de representacións, encontros, ideas e obxectos.

O Grupo AC de Vigo revivirá aquela actitude Fluxus a través dunha serie de curtas accións (Eventos Fluxus) baseadas principalmente na obra do compositor estadounidense John Cage, autor do libro Silencio. Lecturas aleatorias do libro, extractos de conferencias, silenzos públicos, conversas ficticias entre Erik Satie e John Cage, e a interpretación da Suite for Toy Piano (cun piano de xoguete), son os elementos deste menú de accións para a tarde do venres. A continuación, no Espazo Anexo se proxectarán varios vídeos da artista Estela Ballesteros que se exhibirán durante unha semana no Plató de TV do Audio-HackLAB Escoitar.org.

VIDEO