A paisaxe sonora de Ai (I)
Entrega I : Antes da chegada da Autovia
A rosa conocímola na sesión de gravación de toques de campás organizada pola asociación os Chichisos en A Ínsua. Cando fala da sua terra, como seguramente fai todo o mundo, énchese de orgullo. Inda que últimamente non pode evitar un certo aire melancólico ao mencionar Ai, os seus campos, a Vacamorta, Renda, o Montecelo… Normal. Dentro de non demasiado tempo, e se non hai ningúnha miragre que o impida, todos eses lugares, xunto coa sua tranquilidade e vida silvestre van ser cicatrizados por unha autovía de catro carris de progreso que unirá Vilagarcía coa autopista do atlántico. Consciente delo, e dado que xa non se podía facer outra cousa, Rosa púxose en contacto con nos para ver se, cando menos, podíamos conservar a riqueza da paisaxe sonora destes campos e bosques, antes que foran atravesados pola man do progreso.
Acudimos a chamada de Rosa un soleado venres do mes de marzo, en plena primavera. E paseámonos por eses campos cheos de vida natural nas primeiras horas do día, para comprobar e recoller insitu, a riqueza da paisaxe sonora destas terras nesta época do ano.
De seguido presentamos os sons que recollemos ese día, xunto con uns pequenos apuntamentos proporcionados pola propia Rosa.
Gravacións de campo
Os tres primeiros sons que presentamos, son tomas que fixemos pola nosa propia conta, antes de atoparnos con Rosa, e corresponden á paisaxe sonora que todas as mañas de primaveira San Lourenzo pode escoitar dende a igrexa que ten dedicada en Nogueira, no concello de Meis. As tomas foron realizadas dende distintas posicións do campo que rodea a igrexa.
Adro da igrexa de San Lourenzo – Toma 1
Cedo pola maña no adro da igrexia de San Lourenzo. Os paxaros saudan con gran ledicia á chegada dun novo día. Pola carreteriña da igrexa, algún coche pasa, seguramente xente que vai a traballar. Ao lonxe, como querendo competir cos paxaros, algún can ladra. Tamén un tímido cuco que parece querer non molestar. Os galos cantan ao lonxe, anunciando ós que non esteñan despertos, a chegada dun novo día. Uns atrevidos corvos, pasan caseque ao lado mesmo do gravador, seguidos por unhas valentes pegas. De fondo, omnipresente, os graves do run run do pasar dos coches pola outra autovía.
Adro da igrexa de San Lourenzo – Toma 2
Segue sendo pola maña, cedo. No adro da igrexa, dende outra posición, os paxariños non se cansan de interpretar a sua particular sinfonía. Ao lonxe, o tráfico ronroneante da autopista, enchendo de graves os sons naturais do lugar : galos, mirlos, pegas, corvos, cans… Paisaxe sonora natural dunha mañá calquera ben cediño.
Adro da igrexa de San Lourenzo – Toma 3
Unha toma dende o campo exterior da igrexa, pero desta volta co gravador orientado cara a autopista : os sons do tráfico fanse moi presentes, enchendo todo dun colchón de sons mecánicos e industriais, que sonan, ameazadores, sobre os sons naturais do lugar : Paxaros, cans, galos… Un sinfin de melodías naturais que saudan o espertar dun día primaveral. De cando en vez, tamén, algunhas pisadas, algún coche, unha moto arrancando… sons que delatan que a pesares da relativa tranquilidade o ser humano non anda moi lonxe.
Unha vez chegada Rosa xa tivemos unha guía mellor informada ca nos, peregrinos extranxeiros. Gracias a ela puidemos realizar unhas gravacións máis específicas da zona onde a sua paisaxe vai ser modificada pola construcción da autovía.
Campos da Vacamorta
Visitamos primeiro os campos da Vacamorta, onde os paxaros parecían estar tolos. Cantaban, cantaban, e cantaban, sen parar, como borrachos de frescor e primaveira, solete e bon rollito. Cada un co seu cantar, a sua voz, o seu xeito, a sua historia, alleos, todos eles, a desgracia que en breve lle vai ocorrer ao espacio no que se atopan. Ala ao lonxe, escoitanse os estalidos dos rastroxos que algún veciño da aldea de Ai está queimando na zona de Fontefría, antes de que queime maís o sol. Mentres, os galos cantan, seica na casa de Canuto ou na de Sabarís según nos informa Rosa, e algún can ladra maís arriba, marcando o seu territorio. Pouco a pouco, dende lonxe, xurde un tractor que aporta o contrapunto de sons mecánicos á paisaxe, pero que parece querer non molestar, e intégrase perfectamente co resto da mesma. Algún coche próximo pasa, paseniño, paseniño, sen querer facerse notar. Ao lonxe, impertéritos, os coches pasan pola autovia, co seu runrun, sen saber, sequera, que están tan cerca de Ai.
Campos de Ai
O tractor que escoitabamos na toma anterior era dun veciño curioso que se parou a falar con nos mentres faciamos as tomas. Mentres o tractor marcha, desaparecendo pouco a pouco, os paxaros e os seu cantos vólvense converter nos reis da paisaxe sonora do lugar, ata que ao final non escoitamos outra cousa mais que a eles. Algún galo perdido moi o lonxe, e de cando en vez un coche pasando, seica levando alquien a traballar, inda que paseniño, paseniño, que a carreteira non está para ir correndo. De fondo, case imperceptible, os son mecánicos das presas da modernidade pasando pola autopista. De súpeto, no medio da toma, alguén ponse a queimar fieitos : estalos e cruxidos chisporroteantes que inquietan os cans da aldea de Ai. Mañá de primaveira nunha pequena aldea galega que esperta.
Beiras do Montecelo
Movémonos un pouco, e nesta gravación atopámonos na zona que os veciños chaman Renda, nas beiras do Montecelo. A estas horas da maña, en plena primavera, como cabía esperar, os paxaros dominan a paisaxe sonora. Hai algún motoriño ao lonxe, pero que non pode competir co son dos cantos das aves. De cando en vez, chegan os ecos dalgún camión pasando a toda pastilla pola autovía, deixando os graves cheos de bruares mecánicos. Os paxaros, tanto lles ten, cantan e cantan alegres saudando á maña, xa acostumados a ser viciños sonoros do progreso dos seres humanos.
Igrexiario de Renda
Agora estamos na zona do Igrexario de Renda. Dende aquí escoitamos como algún veciño afanase coa motoserra a traballar no campo, mentres un sinfin de paxaros compoñen unha melodía chea de timbres e cores. Un galo, ao lonxe, anuncia que inda hai pouco que amaneceu, e de lonxe, o bruar baixiño do tráfico indicando que non estamos moi lonxe da civilización. Algún peixeiro ao lonxe toca o claxon no seu reparto matinal habitual. E mentres tanto, paxaros, paxaros, paxaros e máis paxaros. Compoñendo unha sinfonia de agudos sen partitura nen pausa, improvisada e natural. Tamen se escoitan, nun momento dado, os sons dunhas campas, que segundo comenta Rosa, poden ser, polo seu xeito de tanxir, as da parroquia de Santo Tomé.
Pedra de San Lourenzo
Xa de volta, detémonos ante a Pedra de San Lourenzo. Esta pedra ten unha máxica historia que nos conta Rosa : «…ten unhas cazoletas na parte superior e un estrangulamento no pilar como si fora para amarrar algo. A lenda, ampliamente coñecida pola xente do lugar, dí que hasta alí chegaba o mar e chegou o santo San Lorenzo nunha barca e amarrouna a ela, por eso lle chaman «a Pedra de San Lorenzo». Antes estaba no medio dunhas veigas cerca de onde está agora, e como estorbaba pra labrar a moveron e os que fixeron eso enfermaron e morreron. O día de San Lorenzo antes de sair o sol aparecen ascuas arredor dela.». O canto dos paxaros segue a dominar a paisaxe sonora ao caron desta pedra. De todos os tipos, timbres, cores e intensidades. Ao lonxe, tímidamente, o motor dalgún vehículo parece querer romper a uniformidade dos sons naturais. O Peixeiro volve a aparecer para que ningún veciño se perda o seu xénero, recordándonos que non moi lonxe de aqui hai civilización. Ao cabo dun tempo, o arranque do motor dun xenerador de corriente, fai esta maís presente, que acaba de ser obvia co bruar dunha motocicleta.
Próximamente
Este é o resultado, unha serie de gravacións feitas antes de que a gran infraestructura fose construida. Para que quede constancia e memoria sonora de como era Ai antes da chegada da autovía. Este traballo completarase coa realización de outros similares que se realizarán durante as obras de construcción da autovía e unha vez rematadas estas e o vial xa en funcionamento.
Agradecementos
A Rosa da asociación Vaipolorio, sen quen a realización deste traballo on podería ter sido posible.
Chamamento
Se igual que Rosa crees, ou conoces, que cerca da tua zona hai algunha paisaxe sonora que está a punto de desaparecer, ou na que van ter lugar cambios significativos nun futuro inminente, podes poñerte en contacto con nos neste correo : info@escoitar.org e intentaremos recollelos e rexistralos nun traballo similar a este.