Gravación : A verbena Popular e as Raves
Gravación «soterrada» dunha verbena galega na localidade ourensá de Langullo. Este pequeno pobo do Concello de Manzaneda, na comarca de Terra de Trives, celebra as súas festas populares o oito de setembro, o día de A Virxe Dos Remedios. Para que a festa coincida coa visita dos emigrantes ao pobo, adiantan a data á primeira fin de semana despois do quince de agosto, día de A Asunción. Durante eses días as rúas de Langullo reciben a tódolos seus fillos e familiares que como noutras moitas pequenas vilas galegas tiveron que emigrar para buscarse outro modo de vida. A poboación triplícase e o pobo é dende primeiras horas do día un hervideiro de coches e persoas que se abrazan despois dun longo tempo de ausencia. O día e as festas patronáis son eiqui unha escusa que xunta aos veciños, familiares e amigos arredor da misa, a comida-cea e a música das bandas-orquestras. A paisaxe sonora que poidemos escoitar foi realizada durante a comida-cea familiar, a douscentos metros do lugar onde se estaba a celebra-a actuación da orquestra Espiga. Quisemos afastarnos do lugar non que se estaba a producir o fenómeno acústico para debuxalo baixo ese filtro sonoro natural que esconden as gravacións cando recollen o son dende unha fonte aillada. Daquela prodúcese unha especia de nube que ensucia a calidade do mesmo coma se escoitaramos a festa nun medio físico máis denso, que vaia rexeitando determinadas frecuencias ata conseguir a calidade mínima audible para a súa interpretación.
Na década dos noventas un dúo alemán chamado Porter Ricks (Thomas Köner & Andy Mellwig) influiu notablemente na estrutura da música Techno por mor dunhas produccións, que ademáis de modificar as bases rítmicas desa música electrónica, incidía tamén non seu velor sonoro. Os seus primeiros discos para os selos Chain Reaction e Mille Plateaux acadaron unha grande repercusión na escena de baile porque conseguían transmitir o ambiente escuro e denso das Raves (na orixe ilegais) ou festas de música Techno. Partindo dunha base rítmica minimalista que reducía os sons ata unha composición primaria, Porter Ricks evolucionaron eses esquemas ata a paisaxe sonora industrial, mergullando o audio en filtros que «comprimían» a calidade acústica coma se estiveran pechados en diversas capas traslucidas. Transmitían pois, unha sensación de lexanía ou aillamento moi semellante ás imaxes que percibimos cando imos de camiñou cara a un concerto e aparcamos o coche a varios centos de metros do evento. Durante a actuación, polo aire viaxan soamentes determinadas frecuencias que se van modificando dependendo da velocidade e dirección do vento, perdéndose no espazo as frecuencias máis graves que non acadan o seu poder físico ata que estamos máis perto das autofalantes.
As Raves tiveron o seu nacemento na Inglaterra do Acid House, a finais da década dos oitentas, como resposta dos xóvenes ás estritas normativas nos horarios de peche dos clubs e discotecas. Daquela estas festas ilegáis identificáronse cos ritmos electrónicos dese estilo músical composto a partires de varias máquinas chamadas Roland TB 303, 808 ou 909. Sobre unha base rítmica moi próxima ás percusións nativas africanas, debuxaban outros sons agudos e ácedos que se ían modulando e variando ata acadar un conxunto moi hipnótico. Esa manifestación sonora podía producir determinados estados mentais de éxtase entre os seus seguidores axudados tanto polas frecuencias propias do son como polo consumo de diversas sustancias químicas que foron bautizadas como Éxtase ou drogas de deseño. Moi cedo, a evolución deste estilo sonoro infuenciou a outros patróns rítmicos da música electrónica que nun espazo moi curto de tempo diversificáronse nunha grande morea de estilos e, a súa vez, foron absorbidos pola industria discográfica e de lecer facendo súas as novas relacións sociais. Naceu entón a chamada Cultura de Clube que consistía en identificar aos espazos onde se programában eses sons cunha estética uniforme e homoxenea que ía dende a decoración ata a moda, a música, deseño gráfico, etc. Co paso do tempo ese movemento social foi asentándose na sociedade ata ocupar hoxe en día as mesmas connotacións e valores culturais que durante séculos acadaron as verbenas populares nos pobos.
As romerías ou festas populares dos pobos son o esforzo dunha comunidade por celebrar a súa existencia social e, en moitos casos posición económica. Non hai pobo ou parroquia que namentras estea viva renuncie a organizar un día grande cunha verbena popular. É, dalgunha forma, un esforzo común entre todolos habitantes da zona para sentirse orgullosos do seu colectivo e por negarse a perder esa identidade que foi transmitida de xeración en xeración. Aínda que moitos destas celebracións teñen un importante contido relixioso que estimula ese traballo conxunto en prol dun mesmo obxetivo, hai tamén unha implicación pagana que se manifesta arredor da música. Eiquí, como nas Raves, hai unha identificación pola música como fío condutor. En ámbolos casos un mestre de cerimonias, orquestra ou dj, ten que ameniza-la festa e manter en pé durante horas a unha audiencia disposta a entregalo todo para buscar unha satisfacción persoal (e colectiva) que afaste a rutina diaria e os problemas comúns. Os elementos que identifican cada manifestación, ainda que teñan un valor estético diferente, participan dos mesmo principios : desconectar do aillamento social participando nunha cerimonia onde durante varias horas non hai máis sentido na vida que a «festa rachada».
Escoita a gravación
Fotos da cea na festa de Langullo, antes da verbena.