Gravación : Roxar O Forno

25 agosto 2006

«Roxar o Forno» é un documento sonoro sobre os fornos comunitarios que aínda hai nalgúns pobos de Galiza. O arquivo rexistrouse durante a festa popular de Langullo, o día grande no que todos os veciños usan esta propiedade.

En primeiro lugar debemos situar este espazo físico dentro da propia comunidade, no caso de Langullo é unha casa independente no centro do mesmo. Aquí, como se conta na gravación, unha persoa, normalmente o «pedamio» do pobo (o interlocutor entre os veciños e o alcalde da comarca), é a encargada de preparar o forno para que tome a temperatura correcta que nos permita cocer dunha soa vez todos os pratos. Daquela, cando o horno tiña unha maior demanda por parte dos veciños, sobre todo para a cocción do pan, o forno comunitario seguía unha administración individual e cada persoa podía usalo para o seu uso. Na actualidade, cada familia ten na súa propiedade un máis pequeno que se axusta ás súas necesidades diarias, o forno «central» úsase só aqueles días sinalados nos que lles vale a pena aproveitar a súa gran capacidade (a superficie é duns 4 metros cadrados) e así aforrar tempo para outros quefaceres.

Luís, o noso protagonista, cóntanos na gravación a evolución do forno desde aqueles días que tiña unha gran efervescencia ata a actualidade. O documento sonoro comeza cunha pequena introdución sobre os tipos de leña máis idóneos para quentar o forno. Mentres que a madeira de piñeiro e eucalipto (pouco común por estes lares) arden moi rápido e a súa brasa é menos densa para levar a calor ás paredes de pedra, o castiñeiro e o carballo axústanse moi ben para este cometido porque son madeiras máis fortes.

Despois falamos sobre a temperatura ideal que debe coller o forno para unha cocción tan sobreabundante de manxares como a desta oportunidade na que todos os veciños van preparar cabrito. Luís márcanos a diferenza que hai entre a cocción do pan e a da carne. Neste último caso hai que consumir máis leña porque o forno debe de estar durante máis tempo traballando. Como curiosidade, aínda que esta acción denomínala «Roxar ou Forno», a cor correcta que debe de tomar o seu interior é o branco, e na medida que aquelas pedras máis afastadas da superficie van collendo esta cor indícanos visualmente que o forno ten máis ou menos temperatura.

Aínda que xa falamos da súa administración e o dato non aparece no documento, decatámonos que para este día especial cada familia tiña dereito a un máximo de tres fontes ou bandexas de tamaño doméstico (forno normal) para que así todo o mundo tivese a oportunidade de preparar os súas asados.

O resto da gravación, mentres se lanzan no exterior algúns «foguetes», transcorre sobre a propia acción do «roxador» que vai retirando as brasas que xa se consumiron e introducindo leña nova para que así tome máis temperatura. Este proceso faise dous ou tres veces ata acadar o seu punto exacto.

Para rematar deixamos uns minutos de paisaxe sonora no que podemos escoitar o crepitar das pólas de castiñeiro e carballo.

Nota : o cabrito estaba incrible e a comida que empezou logo da misa, sobre as tres da tarde, prolongouse ata a cea : unha bacanal ou se se prefire un «loop» gastronómico.

Escoitar a gravación :