O Bucio de Figueiroa
Proxecto Fonotopías de Galiza: Sons en perigo de extinción
Proxecto financiado parcialmente pola Consellería de Cultura e Deporte, Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia.
1. Introdución
Neste artigo presentase a gravación do son producido por un bucio. O bucio é un sistema de chamada colectivo que se empregaba para convocar reunións de veciños dunha parroquia. O que aquí se presenta foi recollido na parroquia de Figueiroa [GLWIKI-01][GOOMAPS-01], no concello de Cerdedo[GLWIKI-02][GOOMAPS-02], no interior da Provincia de Pontevedra.
2. O son do bucio
A pesares de pesquisar de xeito intensivo na internet, non conseguimos atopar ningunha documentación en liña relativa ao bucio ou buxeiro e o seu son. Descoñecemos se existe algunha referencia na bibliografía escrita a este aparello, pois nos, non fomos quen de atopar ningunha nas fontes bibliográficas habituais.
Recurrindo ás fontes orais, os nosos informantes, contan que o bucio era empregado antigamente para facer as chamadas as reunións de veciños en cada parroquia. É lóxico utilizar este tipo de sistema de aviso sonoro, pois é civil (permite a independencia da entidade relixosa e non usar as campás), e ademais, como calquera outro aviso sonoro, permite ser entendido por persoas que non saiban nin ler nin escribir.
Segundo nos contaron os nosos informantes, cada parroquia tiña o seu propio bucio (que dependendo do lugar podía ter un nome ou outro), i era o pedanio da mesma o encargado de facer as chamadas ás xuntas. Cada parroquia tiña ademais o seu propio toque, de xeito que os veciños podían saber que parroquia era a que se estaba chamando á reunión. Ademais, cóntanos que se soían facer varios toques para unha mesma convocatoria en puntos estratéxicos da parroquia, para facilitar que se enterasen todos os veciños.
A día de hoxe (marzo do 2008), as chamadas do bucio teñen desaparecido, sendo empregados simplemente de xeito testimonial nalgunha celebración. Dado o alto grado de avance das telecomunicacións foron substituídos por outros sistemas mais efectivos e rápidos de aviso (telefonía móbil, radios, carteis…)
Un bucio non é mais que unha caracola marina, de certas dimensións, e traballada para conseguir un son con certo corpo que permita o seu uso como ferramenta de sinalización acústica.
Particularmente o bucio que recollemos nestas gravacións provén, segundo os nosos informantes, das costas de Florida, onde foi recollida por un emigrante a mediados do século XIX. No seu retorno a Cerdedo, cedeuna ao pedáneo para o seu uso como bucio, e así pasou, ata o momento de redactar este artigo, de pedáneo a pedáneo, de xeito que podemos afirma que o bucio recollido tiña, no momento da gravación, mais de 100 anos de oficio.
3. Xustificación
A inclusión deste son no proxecto de fonotopías esta plenamente xustificado na súa desaparición inmediata debido a que deixa de ter funcionalidade. Actualmente, existen toda unha serie de métodos e tecnoloxías (carteis, móbiles, megafonías…) que poden ser empregadas para convocar reunións nas parroquias e que resultan maís cómodas e seguras que o sistema aquí descrito. E por elo que resulta lóxico prever que o uso do bucio como sistema de aviso desaparecerá progresivamente.
4. Descripcións das gravacións
Inda que parece un pouco afónico polos anos, o bucio ou buxeiro de Figueroa inda resoa. Produce unha especie de queixa grave, típico do soar dunha caracola. Fai falla pulmón para facelo soar. Polo menos iso debe ser o que pensa o pedáneo que o sopra, que se achica ás veces.
Unha toma mais próxima do bucio. Escoitase perfectamente o aire entrar no bucio, e percíbese mellor o esforzo que fai o pedáneo ao soprar o bucio.
Inda que parece unha serea artificial, é unha concha soprada por unha persoa. Escoitada algo alonxados, soamente percibimos un pitar forte que podería estar producido por calquer corneta.
Son seco, concreto, claro, inda que algo ronco ou afónico, cheo de graves, e con poucos agudos, pero non por elo menos perceptible e moi empregable como sinal acústica. Así sona o buxeiro (ou bucio) de Figueiroa, parroquia de Cerdido.
5.Liñas de traballo futuras
Segundo indicou o pedáneo que fixo soar o bucio para nós, na zona de Cerdedo onde se empregaban este tipo de métodos para chamas aos veciños, cada parroquia tiña o seu propio toque distintivo, para que se soubera claramente cando se chamaba a unha parroquia ou a outra. Sería moi interesante recoller o son dos toques que se daban para cada unha destas parroquias en particular. Tamén, nalgúns casos, o toque era distinto en función do asunto a tratar, ou da reunión a convocar. Tanta variedade de toques debería quedar recollida en gravacións sonoras para impedir que se perdese, ao morrer as persoas que facían e coñecían eses toques pois, a día de hoxe, case non se emprega este método para chamar os veciños.
6.Agradecementos
Para a redacción deste artigo contamos coa inestimable colaboración de Moncho, o alcalde pedáneo da Parroquia de Figueiroa, no concello de Cerdedo, así como de Jose Luis Caramés e Jose Luis Cavada Linarte. Moncho foi a persona que tocou o Bucio para nós nas gravacións que presentamos neste artigo, mentres que J.L Caramés e J.L Cavada foron as personas que, dende o concello, puxéronnos na pista do antedito. As gravacións presentadas foron realizadas en febreiro do 2008. Asimesmo, agradecer a Cristina Lombao, conductora do magazine de tarde da radio galega «O tren do seran» na tempada 07-08, que foi quen nos puxo na pista do son do bucio ou buxeiro aquí recollido.
A1.Referencias
[GLWIKI-01]Editores da Galipedia, ‘Figueiroa, Cerdedo’, Wikipedia, a wikipedia en galego, 7 xuño 2008, 12:46 UTC, <http://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Figueiroa%2C_Cerdedo&oldid=822307> [consulta 17 xullo 2008]
[GLWIKI-02]Editores da Galipedia, ‘Cerdedo’, Wikipedia, a wikipedia en galego, 10 maio 2008, 17:29 UTC, <http://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Cerdedo&oldid=789107> [consulta 17 xullo 2008]
[GOOMAPS-01]Google, ‘Google Maps’, Google Maps, 2008, <http://maps.google.es/maps?f=q&hl=es&q=Figueroa,+Cerdedo,+Pontevedra,+Galicia,+Espa%C3%B1a&ie=UTF8&cd=1&geocode=0,42.543311,-8.394537&ll=42.546694,-8.394542&spn=0.011951,0.035491&t=h&z=15&iwloc=addr> [consulta 17 xullo 2008]
[GOOMAPS-02]Google, ‘Google Maps’, Google Maps, 2008, <http://maps.google.es/maps?hl=es&client=firefox-a&q=cerdedo&ie=UTF8&ll=42.574827,-8.392181&spn=0.191133,0.567856&t=h&z=11&iwloc=addr> [consulta 17 xullo 2008]