O Pico Sacro, por dentro e por un ano

Durante o 2025 fun a recoller o son das covas do Pico Sacro. Graváramolas hai un par de anos co Clube Maúxo e chamáranos a atención como a contorna quedaba atrapada no seu interior, coma se fose unha caixa negra que o gardaba todo. Sobre todo o que pasaba na cara norte e leste da montaña, onde están as dúas bocas por onde entran as ondas dos paxaros, cans, avións, explosións da mina de seixo de Serrabal… As covas podían ser a memoria sonora da parroquia, e graveinas durante as catro estacións. Case sempre á mesma hora, polas sete da mañá.

Utilicei dous micrófonos Uši Pro que tiraba no interior da cova coma se lanzase un anzol de pescar. Perdinos dentro e substituínos por outros Earsight Standard V2, de tamaño similar e tamén moi sensibles, pero cunha coloración tonal diferente, non tan agudos.

Aquí atoparedes unha selección das gravacións ordenadas por días. Escoitaredes que o seu son varía moito debido non só ás circunstancias meteorolóxicas, sociais ou animais, senón tamén á posición na que quedaban os micrófonos cando eran lanzados dentro das covas: podían pousarse preto ou non dunha goteira, nun lugar onde se producía unha reverberación nunha frecuencia determinada, no interior dunha poza, etc…

Descargar en boa calidade

Sábado 21 de xaneiro do 2023

Reverberacións e helicóptero → Cova Norte → 19:03H → Primeira gravación. A diferencia da maioría das que viñeron logo foi recollida pola tarde. Quizais por isto se percibe unha maior masa sonora. Escóitase o paso dun helicóptero e as profundas reverberacións que se xeran no seu interior.

Domingo 16 de marzo do 2025

Vento → Cova Norte → O vento zoa. Escóitase coloreado polas reverberacións do seu interior. As acentuacións tonais dependen moito de onde quedaran situados os micrófonos, podendo ter un deles unha tonalidade de reverberación diferente ao outro, e compoñendo no conxunto un estéreo en dous tons diferentes. Este xogo pode apreciarse moi ben se os dous canais se escoitan por separado.

Xoves 17 de abril do 2025

Graves → Cova Norte → 07:50H → Esta é unha das primeiras gravacións que fixen. Daquela chamábame moito a atención a capacidade que ten esta boca para realimentar os graves dentro. É unha escoita que se aprecia moi ben cando se está alí, gravando cos cascos postos, pero que logo se perde ao escoitala na casa, quizais ao non estar baixo a influencia telúrica do espazo. Aínda así aquí percíbese un pouco.

Domingo 25 de maio do 2025

Paxaros → Cova Leste → 07:29H → Os paxaros cantan ao saír o sol e soan no interior da cova. Cara ao final escóitase coma un deles entra e bate as ás.

Romaría → Cova Leste → 14:53H → Gravación feita no interior da cova leste o día da Romaría do Pico Sacro na honra a San Sebastián. Feita despois de comer. A pesar de que había ruído de gaitas e xente falando no aparcadoiro, non se escoitan na gravación. O cumio do Pico Sacro levántase entre a boca da cova e a festa e funciona coma muro sonoro. Percíbese sen embargo un tren que pasa a carón, producindo unha «bola» de reverberación.

Venres 27 de xuño do 2025

Escuridade → Cova Leste → 07:33H → Escóitse un contraste moi forte entre os agudos dos paxaros e os graves da cova. Quizais, como ese día había unha néboa moi mesta, ou porque a gravación era dun venres, todo o ruído xerado polo tráfico quedaba atrapado dentro, provocando ese son grave tan característico da cova (percíbese moi ben cando aparece un avión cara ao min. 8). Esta é unha das gravacións onde se escoita mellor a súa escuridade, co son coma encapsulado.

Luns 29 de setembro do 2025

Vento → Día moi ventado con matices diferentes nas dúas covas. Escóitanse ruídos estraños tanto na Leste (texturas granulares que recordan a algo orgánico) coma na Norte (asubíos agudos arredor do minuto 3 e ruídos raros). A sensación de misterio e estrañeza está sempre latente, acentuada ademais pola experiencia acusmática ao percibir o son case en completa escuridade.

Cova Leste → 07:53H

Cova Norte → 08:05H

Sábado 1 de novembro do 2025

Micrófonos mollados → Sábado de moita choiva. Ata este día levaba os micros cubertos cunhas pequenas «windbubbles» para protexelos do vento, e que nunca me deran problemas. Pero dentro da cova había moita auga e ao tirar os micros dentro caeron en zonas encharcadas, tanto as cápsulas coma os empalmes dos cables (utilizo varios XLR conectados para ter máis metros). De aí que se escoiten ruídos e pulsos eléctricos, que dalgunha maneira conectan na súa forma sonora coas pingas de auga da cova. A partir de entón cubrín os micros cunha capa de papel filme transparente.

Cova Leste → 07:42H

Cova Norte → 08:08H

Domingo 2 de novembro do 2025

Animais → Cova Norte → 07:54H → Escóitanse algúns animais do exterior que resoan no interior da cova: galos, paxaros… Escóitase tamén algún son raro dalgunha ave que semella terse metido pola boca leste. Este día atopei dentro unha folla cunha foto do Pico Sacro e un texto: unha pedida de man (ver foto).

Mércores 3 de decembro do 2025

Reverberacións → Cova Leste → 07:21H → Escóitanse algúns sons que fan reverberar á cova nuns agudos moi claros. De fondo percíbense paxaros e mouchos.

Pingas → Cova Norte → 07:54H → É decembro e chove. No interior da cova norte escóitase o son das pingas de auga. De vez en canto algún bicho move os micrófonos.

Martes 9 de decembro do 2025

Vento e choiva → Cova Leste → 08:20H → Moito vento e moita choiva. Os micros quedaron sós durante un tempo largo. Apréciase a paisaxe do exterior.

Da man do Clube Espeleolóxico Maúxo

05.01.2026