O vento (na Torre de Hércules e en Vixía de Herbeira)

Introdución

Estas gravacións fixémolas para a exposición «Reverberos», que inauguramos o 1 de agosto de 2024 na Torre de Hércules, comisariada por Ángel Cerviño.

Quixemos traballar co vento coa intención de que fixese vibrar unhas estruturas metálicas que chamamos reverberos. O seu son debía entrar en resonancia cunhas planchas moi finas de ferro que cubrían as estruturas, e que ao vibrar parecese que tiñan o vento dentro, encerrado.

Fixemos as gravacións en dous lugares: primeiro nos arredores da Torre de Hércules; e logo na Serra da Capelada, nas proximidades de Vixía de Herbeira, un dos sitios máis ventados de Galicia.

Torre de Hércules

Data: venres, 28 de xuño de 2024
Hora: ao amencer
Lugar: Arredores e plataforma base da Torre de Hércules

Descarga en calidade

Chegamos á Torre de Hércules xusto antes de amencer. As previsións dicían que as rachas máis fortes comezarían sobre as seis para ir amainando a media mañá.

Puxémonos a gravar e o vento foi soprando tanto que non podiamos escoitar o que estabamos a gravar. O ruído do vento contra os auriculares era moito máis forte que o son que escoitabamos por eles, polo que todas as gravacións as fixemos a ollo. Logo foi un gusto escoitar o que intuíamos que estabamos recollendo, como algún asubío que o vento facía ao colarse polos ocos ou o fino ruído das follas das herbas.

Dende o camiño que chega ás sirenas de néboa

A Torre de Hércules tiña unhas sirenas de néboa que xa non funcionan. Esta toma foi feita no camiño que chega ata elas, cos micrófonos mirando ao mar. O vento aínda non estaba tan presente.

Dende as sirenas de néboa

Toma dende as sirenas de néboa. O vento comeza a soprar con máis forza.

Dende as sirenas de néboa 2

Segunda toma na torreta das sirenas. O vento xa tiña moita velocidade e tirábame o trípode onde tiña o micrófono. Ao suxeitalo durante a gravación o vento movía o meu abrigo e emitía un ruído de tea abaneando.

Asubíos no caseto exterior

Gravación tomada ao aveiro dun caseto exterior. O vento produce un asubío ao deslizarse polas formas da arquitectura.

Herbas e vento

Toma dende o camiño que rodea a Torre co micro metido entre unhas herbas. Filtráronse os baixos para que se poidese escoitar o ruído das follas.

Vento e focos da plataforma base

Toma dende a plataforma circular que rodea á Torre. Escóitase o forte vento e como bate contra uns filtros duns focos que a iluminan. O micrófono que se utilizou (Audio-Technica BP4025) recolle moitos graves polas súas grandes cápsulas. Acostumamos a filtralos un pouco pero neste caso deixámolos porque provocan unhas reverberacións moi acentuadas no lugar onde se escoiten. Era importante que os sons tivesen moitos graves para que puidesen producir as maiores vibracións posibles nos reverberos.

Vento forte na plataforma base

Toma dende a plataforma base que rodea á torre. Forte vento e son do mar de fondo.

Herbas e vento 2

Esta gravación fíxose dende o camiño de acceso á torre dende o parking. O micrófono colocouse entre unhas herbas que eran abaneadas polo vento. Igual que na gravación de herbas anterior filtramos moito os graves para que se puidesen escoitar os detalles das follas, neste caso aínda máis que no anterior xa que o vento era máis débil e non tiña tanta presencia.

Árbores

Toma dende o camiño que comunica á torre e o parking. No interior dun corro creado por uns arbustos que eran movidos polo vento. Filtráronse os graves.

A última fotografía é de Claudio Pato

Vixía de Herbeira

Data: xoves, 4 de xullo de 2024
Hora: á tarde
Lugar: Serra da Capelada. Vixía de Herbeira

Descarga en calidade

Chegamos á zona de Vixía de Herbeira cara as 16:30 da tarde, cando as previsións dicían que ía comezar a soprar o vento. Pouco a pouco foi collendo velocidade ao mesmo tempo que ía cubríndose toda a paisaxe cunha néboa espesa. A escoita volveuse cega, case coma se fose unha experiencia acusmática, onde podiamos escoitar as chocas das vacas que tiñamos diante sen velas, ou o ruxir dos muíños de vento sen estar moi seguros de a que distancia se atopaban.

A densa néboa e o forte vento botou aos poucos turistas que andaban pola zona cando chegamos, o que permitiu facer unhas gravacións bastante limpas de coches e voces, a pesar da hora.

Muíños de vento 1

Toma dende o camiño que vai aos muíños.

Asubíos a carón dos muíños

Gravación feita dende o camiño que vai aos muíños pegado a un valado de pedra. Sóa un asubíu.

Vento, chocas e vacas

Toma dende a Pedreira, un conxunto de lagoas e pedras que están a carón duns muíños de vento. Escóitanse as chocas das vacas que habitualmente andan soltas por toda a Capelada.

Interior da garita Vixía de Herbeira. Graves

Toma dende o interior da Garita de Vixía de Herbeira. Había moita néboa e moito vento. O micrófono foi colocado no medio dunha corrente de néboa que ía dende a porta a unha ventá que tiñamos xusto diante. Os fortes graves que se escoitan son os do fluxo do vento batendo co micrófono.

Interior da garita Vixía de Herbeira. Ruído

Gravación feita dende o interior da Garita de Vixía de Herbeira, como a anterior. Neste caso utilizamos tres micrófonos: un Audio-Technica BP4025 e dous Uši Pro para recoller un amplo espectro de frecuencia. A mixtura final reflexa moi ben a presión sonora que provocaba o vento no interior da garita.

Exterior da garita Vixía de Herbeira

Toma dende o exterior da Garita. Vento e mar.

Muíños de vento 2

Toma dos muíños de vento próximos á garita de Vixía de Herbeira. A densa néboa non deixaba velos aínda que polo son intuíase que estaban moi próximos.

Un breve apunte sobre o vento e porque dicimos que é un parasito.

Dicimos que o vento non pode verse nin escoitarse. Que está sen estar. Que o seu corpo permanece sempre oculto e a súa forma nunca se desvela.

E dicimos tamén que é un parasito que se apropia dos corpos.

Cando cremos que o vemos ou escoitamos facémolo a través dunha axitación moi intensa do aire: aumenta a súa velocidade e a súa forza. O seu corpo espándese ata tal punto que entra en contacto con outros transformándoos, deformándoos, axitándoos, rompéndoos. Así é como se fai visible cando nos fixamos nunha copa dunha árbore que se inclina, e así é como se fai audible cando escoitamos un asubío no pequeno oco que queda entre as dúas madeiras dunha ventá de guillotina. Non escoitamos ao vento en si, ao seu propio corpo, senón á pegada que deixa nos obxectos que toca: unha ponte que se deforma, unhas follas que murmuran, un micrófono que satura. O vento, coma se fose un piollo que vive entre a cabeleira do seu hóspede, colle forma gracias ao corpo do outro. Sérvese da súa presenza.

O vento posúe aos corpos.
O vento é unha pantasma.
O vento é un parasito da forma.

07.07.2024