Os Ferreiros de Riotorto

Proxecto Fonotopías de Galiza: sons en perigo de extinción

Traballo do ferreiro I

Nesta toma apreciamos unha gran variedade de sons: o aire que aviva as chamas onde é quentado o ferro para darlle forma, un clik que acende o motor do compresor que aviva a fragua, despois o marteleo sobre a bigornia e finalmente o martelo neumático aplana a ferramenta que se constrúe.

Traballo do ferreiro II

Esta é unha toma do martelo neumático, que da forma aos utensilios que se fabrican. Tamén poden escoitarse uns berros que veñen da banda de goma que transmite a enerxía do motor ao compresor.

Amornado das fouces I

Unha vez que a fouce esta formada o metal debe ser amornado para que non se crebe, para iso quéntase na fragua e mergúllase en auga ata que adquire “cor perdiz”. Escóitanse timbres moi diversos, a auga, marteladas, gravado da firma do fabricante ou a caída de varias fouces e coitelos.

Amornado dás foces II

Xunto á explicación do ferreiro, nesta toma nótase o chisporroteo do lume na fragua e o aire que lle insufla o compresor.

Son dá moa de afiar.

Nesta gravación escoitamos o son da pedra de afiar, este traballo corresponde á fase final do traballo de fabricación dunha fouce. Percibimos como a auga pon en marcha as aspas que moven a pedra, a continuación os ruídos que produce a fouce ao ser raspada pola pedra. Percibimos como o son cambia cando máis ou menos forza.

Toma exterior do taller

Esta paisaxe sonora corresponde ao val onde traballan os ferreiros, os coches pasan pola estrada moi preto do micrófono, producindo un curioso efecto estereofónico que se corta pola sombra acústica que produce o corpo de quen o sostén, tamén pode apreciarse a resonancia do val tras os golpes do martelo.

Paisaxe sonora de Riotorto

O río corre pola garganta do val entre o canto dos paxaros, unha discusión afastada, e un coche que cruzan deixándose escoitar nalgunhas curvas.

Ferreiros de Riotorto

A primeira referencia histórica á artesanía do ferro en Riotorto atopámola na documentación medieval do mosteiro de Vilanova de Lourenzá, na que figura unha ferraría en Vilaseca ou Santa Marta, que funcionaba en 1594. Esta ferraría volve ser citada en 1645, 1671 e 1788, aínda que neste último caso xa non se atopaba en funcionamento. No catastro do Marqués da Ensenada (1752) aparece citado un mazo na parroquia de Meilán, que ben puidera ser esta ferraría.

Por outra banda, no Arquivo Histórico Provincial de Asturias hai documentos que refiren a existencia dun mazo en Ferreiravella no ano 1691. No catastro do Marqués da Ensenada fálase dun mazo no Mazo de Ferreiravella e no Diccionario de Pascual Madoz (1845-1850) cítanse catro ferreiros en Ferreiravella. En 1941, nun artigo publicado no xornal santiagués El Compostelano, Eduardo Lence-Santar, daquela cronista de Mondoñedo, dá conta da existencia de 56 forxas no concello de Riotorto: 37 na parroquia de Ferreiravella, 17 na de Espasande de Baixo e dúas na de Riotorto. O número de forxas e de ferreiros foi minguando ata o día de hoxe, no que unhas vinte persoas continúan no oficio.

Actualmente consérvanse dous mazos no concello: o de Bastián en Espasande de Baixo e o da Fraga en Ferreiravella. Outro mazo foi o do Mazo de Ferreiravella, chamado mazo de Abaixo ou de Chavarría, que foi desfeito na década dos oitenta e transformado en cabana. Estes mazos, xunto con moas, muíños, centrais, etc… constitúen o centro ferreiro máis importante do Norte da Península, sumando un total de 46 artiluxios situados no curso do río de Ferreiravella, entre a parroquia deste nome e a de Espasande de Baixo: os dous mazos xa citados, 5 muíños, unha central hidráulica e 38 moas hidráulicas. Justino Fernández calculou que se empregaban case 200 cabalos para poñer en marcha todo este complexo fabril: 76 cabalos nas moas, 15 nos muíños, 3 na central e 60 nos mazos.

A tradición dos ferreiros de Riotorto parece provir de Euskadi, e así o confirmarían termos técnicos procedentes do euskera como aroza, aldabarra, arragua ou bandarria, e apelidos vascos aínda hoxe presentes en Riotorto, como Chavarría, Legaspi, Lombardero ou Recalde.

Riotorto

Riotorto é un concello galego situado na parte nororiental da provincia de Lugo. Limita ao Norte cos concellos de Mondoñedo e Lourenzá; ao Leste con Trabada e A Pontenova; ao Sur con Meira; e ao Oeste coa Pastoriza. O concello de Riotorto tén unha extensión de 66,30 km², nos que, segundo datos do 1 de xaneiro de 2007, viven 1.583 habitantes, que se reparten en oito parroquias: Aldurfe, Espasande de Baixo, Ferreiravella, Galegos, A Muxueira, A Órrea, Riotorto e Santa Marta de Meilán. A capital do concello é As Rodrigas, na parroquia de Riotorto, situada a 48 km de Lugo.

HISTORIA

Os primeiros restos históricos que se atopan en Riotorto corresponden á época castrexa, sendo achados a maioría deles no castro da Croa, situado entre As Rodrigas e O Teixeiro, na parroquia de Riotorto. Os achádegos foron realizados por Villaamil y Castro a finais do século XIX, sendo o máis destacable o torques ou brazal de Riotorto, datado entre os séculos III e I a. C. e que se conserva no museo provincial de Lugo. Tamén se atoparon outros obxectos de ouro e de bronce, como empuñaduras, fibelas ou arracadas.

Na época medieval as terras que conforman o concello de Riotorto estiveron vencelladas ao bispado de Mondoñedo e ao mosteiro de Meira. Neste tempo ergueuse na parroquia da Órrea un mosteiro de monxas, posiblemente benedictinas, coñecido como o Mosteiro de Donas, e que rexía un couto que comprendía as actuais parroquias da Órrea e Galegos, ademáis dalgunhas aldeas do actual concello de Meira e propiedades en Ribadeo, A Pastoriza e outros lugares. No século XV, Riotorto, Aldurfe e Meilán formaban parte da xurisdicción de Riotorto, da que era señor o prelado de Mondoñedo xunto con outros partícipes. O resto das parroquias formaban os coutos redondos de Ferreiravella, A Muxueira e A Órrea.

No século XIX tén importancia a Guerra da Independencia, na que se produce unha importante batalla no monte Carracedo, na parroquia de Meilán. Ademáis, unha partida do exército francés aloxouse na igrexa de San Pedro e na casa reitoral, destruíndo varios documentos e libros parroquiais.

A principios do século XX creouse a Sociedad de Labradores y Agricultores, sendo a primeira sociedade agraria creada na provincia de Lugo. Esta sociedade chegou a editar un xornal chamado El Agricultor, que empezou a publicarse en 1907 e durou até 1916, reaparecendo en 1919 cun novo formato. Nesta mesma época, os emigrantes riotortenses en América crean varias sociedades, como Hijos de Riotorto en Bos Aires ou Emigrados de Riotorto na Habana.

O concello de Riotorto foi berce de persoas ilustres, como Avelino Díaz (1897-1971), xornalista e poeta natural da parroquia da Órrea, que emigrou á Arxentina, onde publicou tres libros de poemas e chegou a ser membro da Real Academia Galega. Outros riotortenses destacados son: Xusto Rivas Fernández (1873-1930), natural do Mazo de Ferreiravella, que estudou no Seminario Conciliar de Mondoñedo e chegou a ser bispo de Plasencia; e Xosé Chavarría, tamén natural do Mazo e que fabricou un carro de combate usado polas tropas aliadas na I Guerra Mundial, sendo a primeira vez que se usaba un artiluxio deste tipo nun conflicto bélico. COMO CHEGAR A Riotorto pódese chegar desde Lugo pola N-640, collendo o desvío que hai pouco despois do Marco de Álvare; desde Ribadeo, tamén através da N-640, tomando a LU-124 en pasando A Pontenova; ou desde Mondoñedo, pola propia LU-124.» Informacion tomada de: http://www.ferreirosderiotorto.com/riotorto2008.htm

05.12.2008