Os Muiños do Picón do Folón II
PROXECTO FONOTOPÍAS DE GALIZA – SONS EN PERIGO DE EXTINCION
Os Muiños do Picón do Folón II
Proxecto financiado parcialmente pola Consellería de Cultura e Deporte, Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia.
Os primeiros muíños encontrados en Galiza datan do Neolítico e son muíños de man, chans onde se moían os grans fregando unha pedra contra outra. Na época romana utilizáronse os muíños circulares de man que na Alta Idade Media aumentaron en tamaño e pasaron a ser movidos por auga.
OS MUÍÑOS DE RÍO
O muíño é unha máquina que utiliza a forza da auga do río para moer o gran. Para iso move dúas grandes pedras e no medio o gran. Estas grandes pedras son capaces de converter o gran en fariña, sexa de centeo, trigo ou millo.
Os muíños de río presentan dous tipos fundamentais: os de rodicio, coa roda motriz horizontal, que son os máis antigos e abundantes; e os de bruia, coa roda motriz vertical, que son máis recentes e se coñecen co nome de aceas. O muíño destinado ao trigo denomínase muíño albeiro.
Un muíño de rodicio horizontal consiste no seguinte:
A forza da auga que entra polo rego move o rodicio, ao chocar coas penlas, que son as que reciben o impulso da auga, que roza co penedo e a pedra. Como o gran de trigo ou centeo ou millo baixa pola muxega remata triturado entre as pedras. A zona do muíño onde vai o rodicio chámase inferno. Realmente é por onde sae a auga a gran presión e choca coas penlas do rodicio, facendo xirar deste xeito a moa, que é a que tritura. A peza de atrás é para deixar pasar máis ou menos auga ou tapar simplemente. O freo levanta máis ou menos a pedra do penedo, podendo moer máis fino ou baixándoo de todo impedirlle que xire. O tarabelo salta sobre a pedra e fai vibrar a cornizuela para que vaia deixando caer o gran. Os muíños teñen mecanismos para detectar cando se termina o gran, incluso tamén para levantar a pedra para arranxala, cando se pon lisa. O río recóllese nunha presa, logo desvíase por un rego até un tanque por onde a auga penetra con forza no muíño para mover o rodicio e normalmente ten un quebradoiro para desviar outra vez a auga ao río.
Os muíños poden ser comunitarios. Neste caso, cada veciño dispón dunhas horas prefixadas para usalo, e reciben o nome de muíños de herdeiros. Tamén poden ser de propiedade particular e entón reciben o nome de maquías, por chamarse así a cantidade de gran que cobran por moer (a maquía era sobre una libra —600 g por cada once quilos— e onde se alugaban a cambio de fariña). Os muíños foron pezas moi importantes na economía e no desenvolvemento da vida nas aldeas, así coma do seu folclore e das súas lendas. Hoxe, cubertos moitos por hedras e silvas, fálannos dun pasado que se vai e da utilización de novos medios técnicos para moer o millo, o trigo e o centeo. No muíño xurdiron cancións, refráns, contos e até unha danza: a muiñeira. Unha muiñada era unha antiga xuntanza festiva de mozos e mozas en torno aos muíños, mentres se esperaba pola vez para moer,…
Unha noite no muíño unha noite non é nada unha semaniña enteira esa si é muiñada.
O muíño do meu pai eu ben lle sei o tempero: cando está alto, baixalo cando está baixo, erguelo.
Fun esta noite ó muíño nin moín nin muiñei; perdín a trenza do pelo iso foi o que gañei.
Texto orixinal:
http://usuarios.lycos.es/aureano/muinhos.htm
Cova do muiño e funcionamento dás aspas.
Esta gravación corresponde á cova do muíño onde están as aspas que moven a pedra. Nos primeiros segundos escoitamos a auga que corre libremente por este espazo, posteriormente a auga é canalizada para que mova as aspas e o son cambia tornándose rítmico, posteriormente escóitase o golpe que pecha a canle e a auga volve correr libre producindo o seu son característico.
Paisaxe sonora do val do rio dos muiños.
Esta toma corresponde a unha gravación ampla do val dos muíños, nela escóitase o son do río e algúns paxaros.
Son das pedras de moer.
Tras unha breve explicación o muliñeiro pon o muíño en marcha. Podemos escoitar en primeiro termo os sons das pancas que accionan a maquina e ao final unha especie de ciclo sonoro que corresponde ao movemento circular da pedra.
Paisaxe sonora dun arroio.
Este é o son dun dos regachos que alimenta ao río. a que movía os muíños.
Auga canalizada.
Ton que produce a auga canalizada cara ao muíño.
Paisaxe sonora do río dende un árbore.
Escóitase o discorrer do río que baixa da montaña do que se tomaba a auga que movía os muíños.
Cova do muiño.
Resonancia do interior da cova do muiño.
Palabras do muiñeiro I
Palabras do muiñeiro II
Palabras do muiñeiro III