Paisaxes Sonoras na Ruta do Louro

24 julio 2006

Olladas Atlánticas
Montse Rego+Chiu Longina+Hermi Basalo+Roberto d Bouzas
Proxecto producido polo Museo do Mar de Galicia.
convocatoria pública de becas de producción e compra.
Comisario : Manuel Olveira
Web do proxecto

Extracto Diario de Campo : [texto : Herminia Basalo]

Pedindo na rúa co portátil. Esta imaxe recolle un anaco da primeira acción na que Chiu, como tantos músicos fixeron, empezou as accións pedindo na rúa. Un novo instrumento para un retrato coñecido.

[…] Escoitando. Logo de ollar o lugar, Chiu decidiu que era o momento de recoller as palabras que o océano nos traía. Primeiro nas rochas (que gardan segredos) e, despois na praia solitaria e case virxe que atopamos. Só quedaba un vestixio do que foi, unha cadeira abandonada na que sentarse mirando por unha ventá sen marcos, aberta, sen lindes.[…]

[…] Sons de fin e de principio. No punto máis occidental de Galicia, lugar de esperanzas, de temores, de ilusións, quixemos recoller o audio deste océano bravo dende as abruptas rochas que o abrazan. Novos mariñeiros en terra salpicados polo vento e polo sal que este nos traía.

Mirando á cámara e sentindo o mar. No medio das rochas abruptas e salvaxes. Nese punto no que sempre sentimos a inmensidade, neses momentos nos que nos parece que estamos no fin de todo e tamén no comezo. Nese lugar, onde sempre pensamos que este mar nosos nos trouxo e nos levou. Mariñeiros de terra. O ar batía con forza e traía gotas salgadas.

Sempre na procura do son, o brazo estirado, a posición de embelesamento, case de adoración e o mar que fala e a rocha que escoita. Case parece imposible recoller cun micro minúsculo o que esa inmensa boca di.Son momentos para a inmovilidade, para a fusión.[…]

[…] Descubrindo os segredos que estas rochas milenarias gardan, silencio absoluto, tamén respecto. E o son en estado puro, sen artificios. Rexistrando conversas terra-mar, aquí o artista é un espía. Só recolle, non intervén pero está aí para rexistrar a mensaxe.[…]

[…] Na escuridade da noite tentamos recoller a voz encerrada dentro dos grandes cilindros que cobreguean o monte. A fervenza musitaba e nalgún momento oímos un queixume magoento. Tamén a maraña de fíos eléctricos nos prestou a súa voz. Imaxe do ollo espía espiado por outro ollo. Un dos compañeiro inseparables e un intervencionista silencioso : o pequeno micro dobre.[…]

[…] Outra fusión, o pasado, o presente, o futuro. Os recordos infantís cando o avó che dicía “pega a cuncha a orella e escoitarás o mar” e ti, que aínda nunca viras a inmensidade do océano, que non coñecías nin a súa voz nin o seu cheiro, achegabas a orella a aquel obxecto estraño e sorrías. Tamén pensabas “debe ser bonito o mar” e sen coñecelo deixábaste levar polas súas ondas e imaxinabas fermosas aventuras. A maxia e o misterio xuntos. Sen preguntas, só sorrisos pícaras.

Agora o mar está diante e segue soando nunhas caracolas electrificadas. E o seu son segue a ser o mesmo. E a maxia tamén.[…]

[…] A enerxía invadindo o monte. Monte e mar son unha vez máis os productores silenciosos ós que ninguén pide permiso. Na primeira fotografía Chiu “conectou” directamente o portátil a esta gran fonte de enerxía e fabricou unha fermosa canción.

Na segunda imaxe vemos en detalle a gran hélice que baila co ritmo do vento.[…]

[…] De novo, o músico non poido evitar “enchufar” o seu equipo neste enorme altofalante. Un dos de maior potencia cos que se atopou. A paisaxe ben merecía unha composición.[…]

Sons publicados no mapa

Gravación do vento de Fisterra

Gravación dunha tormenta no Cabo Ortegal

Gravación do interior dun apartamento en Cedeira nun día de choiva

Gravación de campo na praia de Muxía

Primeira gravación no interior do Santuario de Muxía

Segunda gravación no interior do Santuario de Muxía