Presentación da Revista Retal no HackLAB
Presentación da publicación RETAL no Espazo Anexo do MARCO (Laboratorio de audio Escoitar.org)
O xoves 12 de abril, ás 12.00 h., terá lugar no Espazo Anexo do MARCO de Vigo a presentación do número 0 da publicación RETAL Fragmentos de cultura contemporánea.
Cunha periodicidade bimestral e de distribución gratuíta, esta revista pretende achegarse ao feito cultural dende unha posición na que teñan cabida toda clase de expresións artísticas. Terá en conta especialmente os feitos máis relevantes no eido da cultura contemporánea da nosa cidade, cunha revisión da actualidade nos terreos da literatura, a música, o cine, o cómic, a arte ou a televisión.
O deseño da revista xoga un papel fundamental, apartándose lixeiramente da revista cultural ao uso. Un prego de 100×70 cm dobrado sobre si mesmo ata acadar un tamaño de 16×23, configura unha publicación de 32 páxinas que admite unha amplia variedade de lecturas.
O acto de presentación celébrase no Espazo Anexo do MARCO dentro dos actos programados polo colectivo Escoitar.org no seu Laboratorio de audio. O devandito colectivo protagoniza o número 0 da revista, ocupando a portada, e unha entrevista de catro páxinas no seu interior.
Entre os colaboradores de RETAL hai profesionais da cultura como artistas, ilustradores, deseñadores, músicos e colaboradores de fanzines e revistas minoritarias. Detrás da publicación está o colectivo Pliego, asociación cultural que agrupa a profesionais de distintos ámbitos da creación.