Seminario sobre a escoita na Fac. de Arquitectura de A Coruña
SEMINARIO ESCOITAR.
Para unha experiencia acústica do espazo urbano.
Escola Técnica Superior de Arquitectura (A Coruña)
O seminario dividiuse en dúas xornadas (catro sesións de dúas horas cada unha) os días 17 e 18 de abril de 2008
Impartiron Juan-Gil López (Musicólogo) e Chiu Longina (Antropólogo)
CONTEXTO Comprender a cidade contemporánea implica unha percepción da espacialidade que supera o alcance da mirada. A experiencia acústica, a olfativa ou a háptica revélanse como un novo modo de interacción ca contorna urbana cada vez máis decisiva na súa configuración. Xérase desta forma unha complexidade que favorece a expansión para un urbanismo múltiple só asumible desde a interdisciplinariedade partindo do estudo do feito sonoro e abordando a “construción sensible do espazo público”.
A capacidade material da arquitectura para producir estes espazos complétase coa intanxibilidade do son para o que deveñan en lugares cunha identidade determinada, en ocasións de forma decisiva. O son non só enche o espazo arquitectónico senón que dótao dunha dinámica temporal/ambiental e a cidade deixa de estar delimitada só por vías, interseccións, edificios e tránsitos para completarse coa presenza sonora.
Segundo Michel de Certeau a cidade cotiá é un texto escrito por aqueles que a percorren nos seus itinerarios habituais “facendo uso dun espazo que non pode ser visto”. Fuxindo do modelo de cidade-panorama, panóptica e xeométrica xorde entón a necesidade de elaborar novas cartografías sensibles que cuestionen o concepto de cidade como espazo unívoco.
VÍDEO DA AUDIO-ACCIÓN
As maquetas que ofrecen os arquitectos e os concursos públicos non ofrecen a posibilidade de escoitar a contorna sonora do espazo ou edificio que ofrecen. Nesta audio-acción alumnos de arquitectura na Coruña reivindican deste modo a necesidade de incorporar o son aos seus proxectos.