SONOSFERA de Santiago (Audio-Acción de Escoitar.org e Alg-a no Festival dos Abrazos)

19 agosto 2009

SONOSFERA DE SANTIAGO |Escoitar.org+Alg-a|
(Escoitar.org e Alg-a no Festival dos Abrazos)
Santiago de Compostela, venres 21 de agosto de 2009
13.00h (Salida na Praza do Toural)
http://www.festivaldosabrazos.org/

Escoitar supón enfrontar o noso tímpano, e como acto de vontade só é posible a partir do instante no que nos desfacemos da infinidade de veos/filtros que nos illan da sono-esfera que habitamos. A expansión do noso oído cara límites cada vez máis difusos posibilitou que os sons marxinais adquiran o valor reivindicado desde posturas distantes, e incluso enfrontadas, que artellaron discursos e prácticas como o “Arte dos Ruídos” futurista, a panauralidade de John Cage, os traballos Acusmáticos, o Deep Listening, as estéticas minimalistas dixitais asociadas ao glitch, o ruidismo máis exacerbado ou as formulacións derivados do field-recording, xa sexa nunha dimensión puramente acústica ou na busca dunha ética ecoacústica.

A interferencia, como o ruído, perturba o espazo radiofónico, enfróntase de forma vírica á formalización do son que se emite, pero simultaneamente pode xerar novos contextos de escoita, novos contidos non premeditados que como readymades adquiran un valor estético. O silencio -como ausencia de emisión-, o ruído branco, o choque de frecuencias… poden, deste modo, analizarse como parte dunha paisaxe sonora que é posible percorrer, tensando a idea de flanerie acústica que para Adorno facíase posible manipulando o dial, para revelar novas xeografías e crear novos espazos.

Introducir, en tempo real, os sons da contorna nun contexto radiofónico non como fondo ou periferia, senón como centro, supón convertelos en contido e multiplicar un espazo acústico pola infinidade de nodos nos que se escoita, facer da deslocalización e do seu efecto esquizofónico un medio para reactivar o noso oído.

Como parte da estratexia do Colectivo Escoitar.org (Galicia) centrada en promocionar e difundir a ‘escoita activa e crítica’ como vía de coñecemento da sociedade e ao mesmo tempo representar a arte contemporánea máis alá dun espazo delimitado pola arquitectura expositiva dos Centros de Arte, proponse unha audio-acción para a radio na que o micrófono convértese na extensión do oído, en prótese, ao tempo que un evento, un acontecemento sonoro, ocupa o centro da emisión. O son recollido por un micrófono xigante (inchable de gran tamaño con forma de micrófono e portado con arneses por artistas sonoros do Colectivo Alg-a), é transmitido en tempo real por un emisor de radio instalado no interior do inchable e emitido por unha emisora FM para todas as oíntes.

Ao mesmo tempo membros do Colectivo Alg-a propoñen micro-accións sonoras polas rúas da cidade vella de Santiago, todo elo dentro das actividades do Festival dos Abrazos.

VIDEO DUNHA ACCIÓN SIMILAR PARA A CADENA SER EN CANARIAS

AUDIO-ACCIÓN SONOSFERA NO MERCADO DE ABASTOS DE PORRIÑO
(Festival Coiro de Pita, 2009)

DESCARGAR O PDFs CON TODA A INFORMACIÓN