Escoitar.org en Fereixinde

23 marzo 2009

Aproveitando a ponte de San Xose, e invitados por veciños do lugar, escoitar.org visitou Fereixinde, un pequeno lugar da parroquia de San Lourenzo de Nogueira, no Concello Pontevedres de Meis, para recoller os sons da súa paisaxe.

Este lugar atópase no trazado que a Consellería de Política Territorial aprovou para a nova autovía Vilagarcía-Curro. Concienciados do cambio na paisaxe sonora que a construción de dita infraestructura supoñería, algúns dos veciños e veciñas do lugar, solicitaron de escoitar.org a realización dunha recolleita dos sons que poboan a paisaxe sonora do lugar, agora, xusto antes de que comecen as obras da autovía.

Estivemos traballando e recollendo diversoso sons e ambientes, falando cos veciños, e documentando a situación sonora actual do lugar para poder comparala coa que se producirá o día que a autovía atravese o lugar.

Os resultados dos traballos serán publicados en escoitar.org en breve, así que permanecede atentos.