Info

O 25 de xuño de 2006 nacía a web de escoitar.org, unha rede aberta co obxectivo de conservar a Memoria Sonora de Galicia, e cuxo principal valor era simplemente compartir. Case dez anos depois, o 20 de xaneiro do 2016, comezaba o seu proceso de borrado: cada vez que se escoitaba unha das súas paisaxes desaparecía da base de datos. Os oídos das persoas que reproducían os sons clausuraron definitivamente a web, que foi substituída por unha esquela que anunciaba a súa morte.

Nalgún día entre os meses de xaneiro e febreiro do 2023 o dominio de escoitar.org deixaba de aloxar á esquela, perdido definitivamente entre os milleiros de dominios cos que a empresa NameBright especula, e producíndose ao mesmo tempo a morte do anuncio da propia morte.

Mais a web nunca desapareceu. Dende a súa defunción do 2016 quedou vagando por (outra) internet convertida nunha pantasma. Invisible a calquera motor de búsqueda e baixo un dominio codificado fóra da semántica, mantívose oculta. Os relatos sobre a súa morte floreceron, incluído este, e ocuparon o seu lugar. Mentres, ao desprenderse do seu corpo ía adquirindo os poderes acusmáticos (según Michel Chion) tan propios dos espectros: a ubicuidade (estar en todos lados), o panoptismo (velo todo), a omnisapiencia (sabelo todo) e a omnipotencia (podelo todo). É dicir, as espandidas cualidades do que non se ve pero se escoita, da reverberación cega.

Hoxe vai e vén, aparece e desaparece. Se estás lendo isto é evidente que entraches en contacto con ela, ben porque fixo algunha aparición e está nalgún proceso momentáneo de desacusmatización -o cal non significa que non volva a ocultarse á vista- ou ben por calquera outra razón. En calquera caso aquí está soprándoche na orella.

Cada vez que aparece aumenta o seu corpo e propaga o seu ouveo polos aires.

Se vos animades a cantar con ela: xscxxtxr@gmail.com.