O son das palilleiras

2 junio 2008

O presente artigo mostra unha pequena recollida de sons sobre o traballo de palillado artesán do encaixe, onde se aprecian claramente as sonoridades típicas derivadas do proceso do traballo de elaboración dos encaixes de bolillos.

PROXECTO FONOTOPÍAS DE GALIZA – SONS EN PERIGO DE EXTINCIÓN

Proxecto financiado parcialmente pola Consellería de Cultura e Deporte, Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia.

Os Sons das palilleiras

1.O palillar e as palilleiras

Tal e como comenta Mónica Beatriz Suárez Groba en [SUAR-07], o oficio de palilleira era un dos mais abundantes para as mulleres nas comarcas da costa da morte a principios do século XX. A existencia dunha gran tradición na zona tanto no traballo da materia prima (o liño), como a situación estratéxica privilexiada para a exportación do produto vía marítima, fixo do traballo do encaixe, nesta zona, unha ocupación moi rendible.

Entendese por palilleira, aquela muller que é capaz de traballar co encaixe, sendo este un tecido decorativo de fíos finos e no que se empregan agullas e palillos para a súa fabricación. No caso do encaixe das palilleiras, estes fíos distribuense nunha almofada por riba dun debuxo que serve como patrón para ir realizando o encaixe.

Para mais información consultese o traballo mencionado de Suarez Groba[SUAR-07].

2.Xustificación

O oficio tradicional de palillar estivo a piques de perderse por ser un proceso de produción moi tedioso e manual, ao introducirse unha sociedade fortemente industrializada e comercial extensiva, o palillado non resultaba unha actividade rendible comercialmente, por iso foi abandonada ata a súa case desaparición. Actualmente, conservase como unha actividade de carácter artesán, que, grazas a súa promoción como produto artesán está recuperando o seu pulo. A case desaparición que estivo a punto de acontecerlle as sonoridades derivadas do proceso de palillado, xustifica sobradamente a súa inclusión e recollida no proxecto de fonotopias.

3.Descripcións das gravacións

Nunha primeira toma aprécianse claramente o golpeo dos palillos tanto contra a base do palillado, como entre eles. É o son característico do proceso que calquera oínte, unha vez escoita palilleiras traballar, é capaz de recoñecer gravado. É moi significativo. É un son con un marcado carácter rítmico, onde o continuo chisquetear dos palillos entre si ou contra a caixa, seguido de pequenos silencios, correspondentes ao recoller dos alfinetes, marca o ritmo de traballo das palilleiras i enche sonoramente a estancia onde se fai o traballo.

Dende o punto de vista espectral, percíbense claramente os agudos orixinados polo golpear dos palillos cando se deixan caer despois de levar o fío que tensan ao sitio que lles interesa. No espectro mais grave, tamén se percibe claramente o golpear destes mesmos palillos contra a caixa que serve de sostén para o encaixe e sobre a que se apoia todo o instrumental da palilleira. A pesar de ter unha almofada recubrindo a súa base, que é de madeira, ao tocar os palillos contra a almofada, o son do impacto vese amplificado polo corpo da base, que actúa como se dunha caixa de resonancia se tratara.

Existe tamén unha rica reverb producida polo entorno onde se realizou a gravación, que foi nunha habitación dun castelo, con todas as paredes deixadas a pedra viva, o que proporcionaba unha reverberación, bastante rica e intensa, sobre todo no espectro agudo.

Hai que comentar que o material co que están feitos tanto a base, como os palillos empregados no labor, é de Madeira de buxo, coñecida amplamente polas súas cualidades musicais. Non se emprega calquera outro tipo de madeira, senón a de buxo. Isto fainos pensar nalgún tipo de relación do traballo de palillado co aspecto sonoro, sobre todo no percutir rítmico do palillar destas mulleres.


Nesta segunda toma, moito mais próxima, o grave do golpe dos palillos contra a base, vese acentuado, e pódense percibir claramente os harmónicos producidos pola tela ao recibir os golpes dos palillos, así como o rebotar dos palillos contra esa mesma tela en cada unha das súas caídas. No espectro agudo apreciase, ao igual que na toma anterior, o bater dos palillos entre eles, pero ademais podemos chegar a apreciar o colchón que na percusión producen as maos das palilleiras.

4.Liñas de traballo futuras

Os sons presentados neste artigo, son só unha primeira aproximación as calidades sonoras do traballo de palillar. Queda pendente a realización dunha recollida mais detida e profunda, onde se recollan todos os matices sonoros que se desprenden do proceso de palillado. Aspectos a considerar nesta profundización poderían ser o estudio da sonoridade de cada unha das ferramentas de traballo empregadas polas palilleiras, os distintos ritmos de traballo, investigar sobre a musicalidade e a ritmicidade (evidente) do soar do proceso de palillar. Ademais de incluír o aspecto de interacción social que comunmente inclúe o proceso de palillar (raramente as palilleiras traballan solas, mais o contrario, xuntanse en grupos para realizar a súa tarefa de xeito mais ameno, e aproveitar para contar historias) sería outra perspectiva a rexistrar que dende o punto de vista do son permitiría realizar comparacións con respecto ao traballo individual. Outras liñas de traballo incluirían a realización das gravacións en distintos emprazamentos xeográficos, para comprobar as diferenzas ou matices sonoros que puideran existir entre os palillares dunha zona e doutra. A utilización de distintos equipos e técnicas para a recollida dos sons tamén nos permitirían ter unha perspectiva mais completa dos sons asociados co proceso de palillar. Especialmente interesante pode resultar a realización de gravacións con técnicas binauraís empregando as propias palilleiras como ubicadores da microfonía, para así obter a sensación sonora exacta que percibe a palilladora.

5.Agradecementos

Para a redacción deste artigo recurrimos á asociación de palilleiras de Vimianzo, quenes teñen no castelo de vimianzo, e no marco das feiras de artesanía galegas promovidas pola Diputación da Coruña, unha mostra de traballos realizados por membras da asociación, amais de mostrar algunhas das súas integrantes palillando para os visitantes. As gravacións expostas no artigo foron realizadas en febreiro do 2008. Agradecer a colaboración da asociación de palilleiras de Vimianzo, especialmente as súas dúas integrantes anónimas que estiveron un bo anaco palillando en silencio para nos. Agradecementos tamén para a Diputación da Coruña e para o concello de Vimianzo por teren organizado a feira de artesanía que foi onde se recolleron os sons presentados neste traballo.

6.Referencias

[SUAR-07]Suárez Groba,Mónica Beatriz . «oficios artesanais: o encaixe de camariñas», Galicia Espallada, Oct. 2006. [Accedido en Junio 2008]