Juan Gil presenta Escoitar.org nunha conferencia no CGAC

22 octubre 2007

Literal: (web do CGAC)
Tras os ciclos de conferencias Novas estéticas da paisaxe. O eixe atlántico e Estruturas na paisaxerealizados no 2006, nesta terceira edición os profesores da Universidade de Santiago de Compostela María Luisa Sobrino Manzanares e Federico López Silvestre retoman a dirección dun proxecto multidisciplinario que dá continuidade a unha liña de investigación centrada na análise dos diferentes factores que interveñen no contornonatural e urbano.

Un encontro onde se tratará, como ocorre coamirada do enxeñeiro, de destacar a capacidade estruturadora dos camiñosno territorio, pero, sobre todo, de destacar cómo ese paseo, ese percorrido, está tamén na orixe das experiencias estéticas que axudarona dar forma a algunhas das prácticas literarias, artísticas e arquitectónicas máis interesantes da actualidade. Na contemplación das mutacións da paisaxe desde o camiño ou a estrada está a base de boa parte das achegas do situacionismo, da xeopoética, da land-art… No paseo está tamén o principio do quefacer xeográfico contemporáneo,quefacer que debe máis á experiencia viva do que ao traballo de gabinete.

Baixo o título Paseantes, viaxeiros e paisaxes, este foro contará coa mirada diversa de profesionais como os artistas Perejaume, Bleda y Rosa, Montserrat Altet e Ignacio Pérez-Jofre, o arquitecto Francesco Careri, o enxeñeiro Miguel Aguiló, os xeógrafos Joan Nogué e Nicolás Ortega, historiadores da arte como Carmen Pena, Manuel Segade e Rubén Blanco, o musicólogo Juan-Gil López, os filósofos Jacques Leenhardt, Marcial Gondar e Gonzálo Barrena e o especialista en xeopoética César Domínguez Prieto.

Froito dos traballos derivados de cada xornada, edítanse senllos catálogos coa colaboración extraordinaria, na última publicación, do artista británico Richard Long, referencia intenacional da arte conceptual e a land-art.

Juan-Gil López, membro de Escoitar.org e musicólogo, forma parte tamén dos proxectos Mediateletipos.net e Artesornoro.org. Desenvolveu diversas investigacións tanto no campo da etnomusicoloxía como no da música contemporánea, e traballou en diversos proxectos de investigación de carácter interdisciplinario. Está realizando a súa tese sobre “auralidade”, paisaxe sonora e a utilización de sons ambientais na creación sonora contemporánea.

Para estas xornadas presentou a conferencia titulada «Soundwalking. Do paseo sonoro “in-situ” á escoita aumentada», foi o venres día 15 de outono de 2007 no salón de actos do museo.