Manuel Rivas eloxia Escoitar.org

7 septiembre 2007

Artigo no País, Edición Galicia.

Manuel Rivas, xornalista e escritor, e un dos intelectuais máis activo e comprometido coa Cultura Galega (non necesita presentación), eloxia o traballo de Escoitar.org. Foi o xoves 7 de setembro no xornal El País.

Grazas.

EXTRACTO DO ARTIGO

«Galicia é unha xente e un territorio. Mais é tamén un tecido de sons. Unha realidade acústica. Unha inmensa mestura polifónica que constitúe un rumor. O rumor galego. Cal é a verdadeira banda sonora arestora? Mesmo o que semella ruído, barullo, ten unha orixe e unha determinación formal. E os tipos de silencio (que equivalen aos «límites») resultan ser sons fundamentais para interpretar o que está a pasar.

Non é casualidade que unha das organizacións máis interesantes das xurdidas nos últimos tempos en Galicia é a chamada Escoitar.org. Preséntase como «unha porta aberta para construír a representación aural do país», segundo leo nunha magnífica reportaxe de Marga Tojo, en Galicia hoxe. Esta organización do Escoitar está formada por especialistas, xente nova moi competente, universitaria, que está a rexistrar non só o dicir das xentes ou as voces animais senón tamén o falar das cousas todas. Cada recanto dun mar ou dun río ten a súa voz, como é diferente o son de cada campá ou das diferentes árbores abaneadas polo mesmo vento. O símbolo de Escoitar é unha escultórica orella que acompaña ao equipo como icona nos lugares de traballo.»