Taller de Escoitar.org no CGAC (S. de Compostela)

2 noviembre 2007

ESCOITAR.ORG PAISAXE SONORO E AURALIDADE

Horario e datas Do 20 ao 30 de novembro de 2007
Sesións teóricas, 16:00-18:00 h
Sesións prácticas, 18:00-20:00 h

Dirección do taller: Colectivo Escoitar.org
Coordinación: Yolanda López

Proxecto-Edición e unha iniciativa producida por Fundación Luis Seoane, MARCO e CGAC co fin de explorar as posibilidades que os diferentes soportes da edición contemporánea teñen na man dos artistas. Para máis información sobre as actividades vinculadas ao proxecto poden consultar a páxina web www.proxecto-edicion.net.

O son que nos rodea, que nos acompaña e que producimos consciente ou inconscientemente, converteuse nas derradeiras décadas nunha ferramenta de traballo para a creación artística e a expresión musical. Esta experiencia acústica é tamén unha fonte de información cada vez máis relevante en diversos ámbitos de estudo como a antropoloxía, a arquitectura, a ecoloxía, a historia, a musicoloxía, a pedagoxía, a psicoloxía… Neste contexto, conceptos como o de paisaxe sonora ou auralidade serviron para establecer un importante vínculo interdisciplinar que fai necesario deseñar estratexias que permitan asumir a complexidade desta sonosfera e articular novos modos de representación do coñecemento que superen a unidimensionalidade da nosa percepción, ancorada no eido do visual.

O colectivo Escoitar.org propón un obradoiro que vai da aproximación teórica á experiencia da escoita cun obxectivo principal: explorar as múltiples relacións que existen entre son e ambiente, entre o audible e o inaudible; todo isto no contexto da arte sonora e a fonografía. Ao mesmo tempo redescubriremos a realidade acústica de Santiago de Compostela, co fin de que os asistentes sexan capaces de afrontar un proxecto baseado na gravación e na edición orixinal de audio. Partindo de diversas gravacións de paisaxes sonoras, tentaremos capturar os sons propios, aqueles que os seus habitantes recoñecen dese xeito e que serven para definir a personalidade acústica da cidade, para despois xeolocalizalos no mapa web, baseado nun hack de Google Maps. Deste xeito, participaremos no proceso de configuración dun patrimonio sonoro consensuado polos propios oíntes.

Os sons recollidos polos participantes utilizaranse, nunha segunda fase, como material bruto para a elaboración dunha publicación-CD na que participarán diversos artistas sonoros internacionais. Do mesmo xeito, este obradoiro terá continuidade tanto nos encontros Cartografías da escoita. Son e lugar que se celebrará a finais de xaneiro e que contará coa participación de, entre outros, Bill Fontana, Carmen Pardo, Hildegard Westerkamp, Jean-Paul Thibaud, David Toop, José Luis Carles ou John Levack Drever, así como no ciclo de cine documental e de ficción Doce notas visuais: historia social da música, que terá o son como eixo central.

Colectivo Escoitar.org
www.escoitar.org

Destinatarios
Dirixido a artistas, músicos e creadores nas áreas da imaxe, do son ou da realización multimedia, interesados en desenvolver proxectos de creación sonora (instalacións, sonorización de obras plásticas, proxectos web…). Poderán asistir tamén estudantes e outras persoas vinculadas aos ámbitos da antropoloxía, ciencias da comunicación, ecoloxía, etnomusicoloxía, historia, musicoloxía, pedagoxía, socioloxía, xeografía… e todos aqueles que, aínda non tendo coñecementos previos, queiran achegarse e participar neste proxecto aberto, libre e do procomún.

Inscrición As solicitudes para participar no taller pódense presentar até o 19 de novembro por fax, por correo electrónico ou ben na recepción do CGAC indicando nome, teléfono e enderezo postal ou electrónico.

Matrícula: 12 euros
Membros da Asociación de Amigos do CGAC: 9 euros

Para formalizar a matrícula é preciso recoller o formulario de pagamento na recepción do CGAC e realizar o ingreso nas entidades bancarias indicadas. Os solicitantes deberán presentar unha copia da folla de pagamento e fotocopia do DNI.

Número de participantes: 20. Ademais haberá 15 prazas para persoas que desexen asistir só á parte teórica como oíntes.

O CGAC ten solicitado un crédito de libre configuración para estudantes da USC.

Recoméndase aos participantes que traian o seu ordenador persoal. Os programas que se empregarán pódense descargar da Rede. O espazo de traballo contará con conexión wi-fi.

SERVIZO DE ACTIVIDADES E PROXECTOS EDUCATIVOS
Rúa Ramón del Valle Inclán s/n,
15704 Santiago de Compostela
Tel.: 981 546 634 / Fax: 981 546 605
cgac.actividades@xunta.es
www.cgac.org
www.proxecto-edicion.net

TRÍPTICO EN FORMATO PDF DO TALLER