O Pico Sacro, por dentro e por un ano

Durante o 2025 fun en varias ocasións a recoller o son das covas do Pico Sacro. Graváraas hai un par de anos, e chamárame a atención como a contorna quedaba atrapada no seu interior, coma se fose unha caixa negra que o gardaba todo. En especial o que pasaba na cara norte e leste da montaña, onde están as dúas bocas por onde entran as ondas sonoras dos paxaros, cans, avións, explosións da mina de seixo de Serrabal… As covas podían ser a memoria sonora da parroquia.

Coa curiosidade de escoitar como cambiaba a paisaxe sonora do seu interior, dependendo do que pasase fóra, graveina durante as catro estacións. Case sempre á mesma hora, polas sete da mañá, aproveitando que ao amencer soe haber moitos menos coches.

As gravacións fíxenas primeiro con dous micrófonos Uši Pro, que tiraba dentro da cova coma se lanzase un anzol de pescar. Perdinos no seu interior e substituínos por outros Earsight
Standard V2
, de tamaño similar e tamén moi sensibles, pero cunha coloración tonal diferente, non tan acentuada nas frecuencias agudas.

Déixovos unha selección das gravacións ordenadas por días. Escoitaredes que o seu son varía moito, debido non só ás circunstancias meteorolóxicas, sociais ou animais, senón tamén á posición na que quedaban os micrófonos cando eran lanzados dentro das covas: podían pousarse preto ou non dunha goteira, nun lugar onde se producía unha reverberación nunha frecuencia determinada, no interior dunha poza, etc…

Descargar en boa calidade

Sábado 21 de xaneiro do 2023

Reverberacións e helicóptero → Cova Norte → 19:03H → Primeira gravación. A diferencia da maioría das que viñeron logo foi recollida pola tarde. Quizais por isto se perciba unha maior masa sonora. Escóitanse o paso dun helicóptero e as profundas reverberacións que se xeran no seu interior.

Domingo 16 de marzo do 2025

Vento → O vento zoa na cova norte. Escóitase coloreado polas reverberacións do seu interior. As acentuacións tonais dependían moito de onde quedaran situados os micrófonos, podendo ter un deles unha tonalidade de reverberación diferente ao outro, e compoñendo no conxunto un estéreo en dous tons diferentes. Este xogo pode apreciarse moi ben se os dous canais se escoitan por separado.

Xoves 17 de abril do 2025

Graves → Cova Norte → 07:50H → Esta é unha das primeiras gravacións que fixen e daquela chamábame moito a atención a capacidade que ten esta boca norte para realimentar os graves no seu interior. É unha escoita que se aprecia moi ben cando se está alí, pero que as gravacións non acaban de recoller ben, xa que depende moito de onde queden os micrófonos colocados. Aínda así esta gravación recolle un pouco a intensidade de graves que se chega a producir.

Domingo 25 de maio do 2025

Paxaros → Cova Leste → 07:29H → Os paxaros cantan ao saír o sol e soan no interior da cova. Cara ao final pode escoitarse coma un deles entra e bate as ás.

Romaría → Cova Leste → 14:53H → Gravación feita no interior da cova leste o día da Romaría do Pico Sacro na honra a San Sebastián. Feita despois de comer. A pesar de que había moito ruído de gaitas e xente falando no aparcadoiro, non chega a escoitarse na gravación. Entre a boca da cova leste e o aparcadoiro atópase o cumio do Pico Sacro, que funciona coma filtro sonoro. Escóitase sen embargo un tren que pasa a carón, que crea unha «bola» de reverberación.

Venres 27 de xuño do 2025

Escuridade → Cova Leste → 07:33H → Escoitamos un contraste moi forte entre os agudos dos paxaros e os graves da cova. Quizais, como ese día había unha néboa moi mesta, ou porque a gravación era dun venres, todo o ruído xerado polos coches e demais quedaba atrapado dentro da cova, xerando ese son grave tan característico dela, que se percibe moi ben cando aparece un avión cara ao final (min. 8). Unha das gravacións onde se percibe mellor a escuridade da cova, co seu son coma encapsulado.

Luns 29 de setembro do 2025

Vento → Día moi ventado con matices diferentes nas dúas covas. Escóitanse ruídos estraños tanto na Leste (texturas granulares que recordan a algo orgánico) como na Norte (asubíos agudos arredor do minuto 3 e ruídos raros). A sensación de misterio e estrañeza está sempre latente tanto nas gravacións como na escoita directa das covas. Acentuada ademais pola escoita acusmática da escuridade do seu interior.

Cova Leste → 07:53H

Cova Norte → 08:05H

Sábado 1 de novembro do 2025

Micrófonos mollados → Sábado de moita choiva. Ata este día levaba os micros cubertos cunhas pequenas «windbubbles» que nunca me deran problemas. Pero dentro da cova había moita auga e ao tirar os micros dentro caeron en zonas encharcadas, tanto as cápsulas coma os empalmes dos cables (utilizo varios XLR conectados para ter máis metros). De aí que se escoiten ruídos e pulsos eléctricos, que dalgunha maneira conectan na súa forma sonora coas pingas de auga da cova. A partín de entón cubrín as «windbubbles» cunha capa de papel filme transparente.

Cova Leste → 07:42H

Cova Norte → 08:08H

Domingo 2 de novembro do 2025

Animais → Cova Norte → 07:54H → Escóitanse algúns animais do exterior que resoan dentro da cova, como galos e paxaros. Escóitase tamén algún son raro dalgunha ave, que semella terse metido pola boca Leste. Este día atopei no interior da cova unha folla cunha foto do Pico Sacro e un texto. Era unha pedida de man (ver foto).

Mércores 3 de decembro do 2025

Reverberacións → Cova Leste → 07:21H → Escóitanse algúns sons que fan reverberar á cova nuns agudos moi claros. De fondo percíbense algúns paxaros e mouchos.

Pingas → Cova Norte → 07:54H → É decembro e chove. No interior da cova norte escóitase o son das pingas de auga. De vez en canto algún bicho move os micrófonos.

Martes 9 de decembro do 2025

Vento e choiva → Cova Leste → 08:20H → Moito vento e moita choiva. Os micros quedaron sós durante un largo tempo. É unha das tomas da cova onde mellor se percibe a paisaxe do exterior.

05.01.2026