Covas, furnas, túneles… Memoria sonora do inframundo

9 septiembre 2023

Introdución

Esta colección de sons xorde a partir do libro «Tesouro Espeleolóxico Galego» do Clube Espeleolóxico Maúxo e Alba Cid, publicado pola editorial aCentral Folque a finais do pasado ano 2022. Un libro que funciona el mesmo coma unha cova, con moitas bocas de entrada, cun espazo interior inmenso e escuro que sempre invoca ao descubrimento, e cunha capacidade de sedución intrínseca á súa presenza.

E xorde tamén a partir dun videobook que se compuxo para a promoción do libro. O xerme dunha curta que se chama «Furada Negra» e que precisaba rexistros sonoros dalgunhas covas galegas, aquelas que tivesen certa identidade sonora, sexa esta o que sexa. Os sons que forman parte desta colección foron gravados na rodaxe da curta, na que só se capturou son.

O equipo de gravación estivo composto por Alberto Romero «Romer», José Bernardino Costas, José Miguel López «Zrus», María Concepción Álvarez, María Luz Coto, Miguel García, Tereixa Otero e Xavier Groba do Clube Espeleolóxico Maúxo; Alba Cid, Berio Molina, Ramon Almuinha e Xoán-Xil López do Colectivo Rupestre Sonoro.

Cova da Ceza

Data: domingo, 8 de agosto de 2023
Hora: de mañá
Lugar: Cova da Ceza. Noceda. O Courel
Pedra: Rocha calcaria e lousa.
Descarga en calidade

Antes do día da gravación Tereixa comentábanos que recordaba a cova moi escura dada a cor da lousa. Eu imaxinaba unhas salas amplas de parede lisa e gris, case negro, que provocarían un espazo sonoro con moita reverberación. Unha imaxe alimentada supoño pola habitual forma lisa da lousa comercializada e pola percepción que soemos ter das covas coma espazos nos que hai moito eco. Se a cova era regular por dentro, o son non pararía de rebotar.

Mais o que nos atopamos ao entrar foi o oposto. Non en canto á luz, xa que era realmente escura, senón en como a escoitabamos. Polo que logo sentimos ao visitar máis covas, A Ceza funcionaba máis ben coma unha sala anecoica. As paredes, cheas de entradas e saíntes, comían ao son e quedaba seco. Amais, a medida que entrabamos na cova, cada vez nos illabamos máis do exterior e non cabía posibilidade algunha de que entrara ruído de fóra. Nin tan sequera o sempre presente son dos avións.

O que si se escoitaba, e moito, era a auga. A Ceza é percorrida por un río que parte dunha lagoa que hai ao fondo da cova, e que ao saír da súa boca vai a dar a un lavadoiro. O ruído chegaba a ser tan forte que por momentos custábanos escoitarnos falar.

Entrada á cova da Ceza

Toma onde conviven as pingas das goteiras co ruído constante da auga ao pasar polos pequenos saltos do chan. (BM)

Primeiro tramo

A paisaxe escóitase noutra cor, filtrada ao poñer un dos micrófonos nun oco da parede. (BM)

Segundo tramo (BM)

Sala maior
Esta toma está recollida na sala máis grande da cova e no seu punto máis alto. No canal dereito pode escoitarse a auga percorrendo a súa parte baixa, e no canal esquerdo o ruído dunha sala contigua, que se cola por un furado da parte alta. Chama a atención o contraste tonal entre os dous espazos. (BM)

Nesta outra toma aprécianse como as voces son filtradas e moduladas tanto pola presenza da auga coma pola forma das paredes. A sequidade acústica da cova permite escoitalas sen eco, a pesar de que se encontraban bastante lonxe. Uns pasos aproxímanse dende a sala contigua de onde veñen as voces. (BM)

Cascada con xeófono
Toma da fervenza procedente da lagoa. A gravación realizouse con xeófonos que foron colocados entre unhas pedras ao carón da baixada de auga. (BM)

Segunda toma cos xeófonos cravados no chan. (BM)

Imaxes de Alba Cid

Túnel de Romeor

Data: domingo, 8 de agosto de 2023
Hora: de tarde
Lugar: Túnel acueduto romano para minaría aurífera. Romeor. O Courel
Descarga calidade

Acedemos ao túnel logo de camiñar polas pedras de lousa dun río seco, costa arriba. A medida que nos metiamos dentro sentiamos como os pés se ían cubrindo de auga. O túnel era un antigo acueduto asociado ao non moi afastado complexo das minas de Torubio e Millares, e a auga subía ata case os xeonllos.

Paramos no medio e sentimos a impresión do seu silencio. Aínda que o son do entorno se colaba polas bocas do túnel, era moi tenue e non había ruído. Chegabas a afinar tanto a escoita que calquera movemento, incluso o das tripas do estómago, se escoitaba con moita claridade, illado. O teito abovedado e a longa galería funcionaban de amplificador, matizado pola súa longa reverberación. (BM)

Nesta outra toma os nosos pasos percorren a lonxitude da furada. Unha corrente de aire atravésaa de boca a boca. (BM)

imaxes de Alba Cid

Covas do Folón

Data: domingo, 13 de agosto de 2023
Hora: de mañá
Lugar: Covas do Folón. Coruxo. Vigo
Pedra: Granito
Descarga en calidade

As covas do Folón son case unha segunda casa para as Maúxo. Durante anos investigaron como o río da Rega furou a pedra granítica, que acabou construíndo unha rede «subterránea de 234 m de lonxitude e -34 m de desnivel, Topografándose 905 m de galerías e condutos«. O clube reclamou que fosen declaradas como Monumento Natural e como Ben de Interese Cultural (BIC) polo seu destacado xacemento prehistórico e valores inmateriais e socioculturais asociados.

A auga é quen lle da de novo o carácter acústico ás covas, como no caso da Ceza e na maioría de furadas naturais. O seu movemento está moi presente en todos os espazos (Folón está composto por un gran número de pequenas cámaras que poden ter cadansúa boca de entrada). Foi no lugar coñecido coma «Paso das Oias», a carón do «Mirador da Fervenza» (unha caída de auga subterránea de seis metros), onde puidemos escoitar un son moi característico: un bateo grave cun ritmo constante, producido polo ruído da fervenza ao bater coa pedra e a reverberación da cova, coma un «boom boom». Falando logo con Miguel, Xavier, Tereixa, Zrus, José e Conchi comentabamos que eles especulaban con que o nome de Folón puidese vir precisamente deste ruído (ou máis ben do ruxir da cova), que incluso nos días de inverno nos que o río levaba máis auga podía escoitarse dende o exterior, e que ata as vibracións que chegaban a producir nas pedras podían sentirse ao camiñar polos camiños de acceso. Pensouse que o nome «folón» podía vir de «folión» (follón, folía, foliada, festa, ruído) dada a forte presenza que o ruído da cova ten ao seu arredor. Outra posibilidade era que o nome viñera dun antigo batán (ou folón: muíños hidráulicos para mazar teas, fibra, liño…) que houbese pola zona, cuxo son sen dúbida garda unha estrutura similar. Pero non se atopou indicio algún da súa existencia.

Boca do Pozo da Ra
Exterior da Boca do Pozo da Ra onde o río da Rega se cola cara ao interior das covas. (BM)

Toma con hidrófonos sumerxidos na auga. (XX)

Cova grande
Interior. O ruído da auga cubre a estancia con matices dos pequenos saltos que vai facendo co granito. (XX)

Toma con hidrófonos sumerxidos en diferentes puntos. (BM)

Paso da oias
Gravación da fervenza dende o Paso das Oias. Pode escoitarse o característico «boom boom» ben grave. Ten máis presenza en directo que na gravación. (BM)

Ruído da auga que circula polo interior das Covas. Toma cos hidrófonos sumerxidos. (XX)

Mirador da fervenza
Toma interior moi próxima ao mirador da fervenza. A forza da auga, a proximidade dos micrófonos e o pequeno tamaño da sala, fan que o son abarque todo o espazo auditivo. Amais a falta total de reverberación produce un son moi seco que ten un inpacto aínda máis duro. Ruído branco. (XX)

1. Entrada por «Xan Xebas». 2. «Mirador da fervenza». 3. «Boca do Pozo da Ra». 4. Xoán-Xil colocando os micrófonos na «Cova Grande». 5. Gravando no «Paso das Oias». Imaxes de Xavier Groba.

Furna de Chan Furado

Data: domingo, 13 de agosto de 2023
Hora: de tarde
Lugar: Furna de Chan Furado. Monteferro. Nigrán
Pedra: Esquistos complexo Rosal-Monteferro
Descarga en calidade

A Furna de Chan Furado é un furado de base alongada que se estende verticalmente ata alcanzar unha gran altura. A auga do mar entra por un extremo da base e bate con forza contra as rochas do fondo, golpeando ao seu paso as paredes. O son sube polo furado impulsado polo aire ata que sae disparado pola súa parte superior.

Aínda que nas gravacións non se chega a percibir con claridade, cando a auga do mar golpea coas rochas chega a producir uns golpes secos con pequenas variacións tonais, creando de fondo unha melodía rítmica. A min recordábame e estes tubos que se golpean coa man tapándolles a boca, de xeito que producen un son xordo e percusivo.

Gravacións

Toma dende un lateral da furna cos micrófonos apuntando cara ao seu interior. Nas tonalidades máis baixas pode apreciarse o efecto «tubo» cando o mar bate contra un oco da rocha. (BM)

Toma dende un dos extremos da furna cos micrófonos apuntando cara ao seu interior. (XX)

Toma exterior. Ao lonxe chegan a escoitarse os baixos dalgunha orquestra de festa afastada. O aire que recorre a superficie da ría leva consigo os sons dos pobos que hai ás súas beiras. (XX)

Imaxes: 2. Miguel García.

Cova da Laghoa ou Cova de Baredo (Paleofurna)

Data: domingo, 13 de agosto de 2023
Hora: de tarde
Lugar: Cova da Laghoa. Baiona
Pedra: Banda sedimentaria erosinada entre o granito
Descarga en calidade

A Cova da Laghoa atópase agochada ao lado dunha estrada. Concretamente da que vai ao Cabo Silleiro percorrendo a costa de Baiona. Ao saltar unhas matogueiras que hai na cuneta do lado oposto ao mar, de súpeto aparece unha pequena boca negra que da acceso á inmensa bóveda do seu interior. Unha antiga furna creada polo mar cando os seus niveis estaban á mesma altura. «Hoxe está separada del pola construción da estrada Baiona – A Guarda, e sobre todo polo continuo levantamento da costa neste tramo, interesante fenómeno xeolóxico que esta cavidade demostra» (Xavier Groba).

O ruído do tráfico cólase dentro e produce unha oposición moi forte coas pingas de auga. A gran bóveda axuda a potenciar este contraste ao afastar aínda máis o son de fóra e ao amplificar o goteo.

Gravacións

Toma dende a zona media da cova onde se percibe o contraste dos dous sons: a intimidade do seu interior, as pingas de auga, e a reverberación do exterior, os coches. (BM)

Toma dende o fondo da cova onde aparecen con máis presenza as pingas de auga. (XX)

Toma con xeofón no interior da cova. O son dos coches produce un bordón grave. (BM)

Covas do Castelo da Furna

Data: domingo, 20 de agosto de 2023
Hora: de mañá
Lugar: Castelo da Furna. Boivão, Valença, distrito de Viana do Castelo, Portugal
Pedra: Granito
Descarga en calidade

Acudimos ás covas do Castelo da Furna coa sensación de que iamos atopar un son similar ao que recollemos nas Covas do Folón. Mais a pesar de que ambas son furadas graníticas e que para min, que na miña vida só visitei estas covas que gravamos, teñen unha estrutura arquitectónica similar, o son era moi diferente.

Por un lado o caudal de auga que percorre as covas que visitamos é moito máis pequeno e non hai ese torrente continuo de ruído. Pola contra hai moitas pingueiras e poden escoitarse unha infinidade de matices de auga batendo contra a pedra, a diferentes ritmos, intensidades e tonalidades. O resultado é unha paisaxe granular chea de gradacións sonoras.

E por outro lado, e seguramente porque non hai esa masa constante de ruído, percibimos máis a miúdo sons do exterior, ou sons producidos por elementos que van e veñen de fóra a dentro, coma moscas (fomos a mediados do verán). A sensación que produce é que son covas (as que visitamos) máis abertas acusticamente ao exterior, aínda que non ten porque ser así necesariamente.

Nesta saída levamos amais unhas zoadeiras que fixemos soar nalgunha das cámaras. As que nós levamos eran pequenas pezas planas de madeira cun burato nun extremo, polas que se introduce unha corda que ao facelas xirar produce unha sorte de zunido. Son instrumentos moi antigos que se atoparon nalgunhas covas, e quixemos experimentar o seu son no espazo.

«Atopáronse [zoadeiras] vestixios prehistóricos en múltiples xacementos sendo o primeiro en recoñecerse un exemplar recuperado na cova de La Roche de Briol, en Lalinde (Dordoña)»
(Xoán-Xil López, Mauro Sanín. Abellón. O libro negro das zoadeiras. 2019 aCentral Folque)

A beira do Portelo. Limpeza de acceso
Traballo de roza para acceder á cova. A corta realizárona Xavier Groba e Alberto Romero «Romer». (BM)

Cova exterior
Gravación do silencio da cova. Ao ser aberta ao exterior escóitase un avión e varias moscas. A frecuencia de voos pola zona é bastante alta polo que é frecuente que se cole o seu ruxir. O son das moscas aparecen en varias gravacións, tanto nas exteriores como nas interiores (cando a toma estaba próxima á saída). Precisamente moi preto da gravación atopábase o Mosqueiro, un abrigueiro que usaba o gado xoto no monte: vacas e cabalos. (XX)

Cova exterior con tocata de zoadeira. (BM)

Gravación dos golpes dunha pedra. Cara ao final da cova había unha pedra rectangular no chan. Ao pisala facía un ruído que chamaba a atención porque tiña máis corpo que outras que tamén había polo solo. (BM)

Sala A
Toma nunha sala moi illada na que só se escoitaba o ruído das múltiples pingas de auga ao bater contra o chan. Os micrófonos foron colocados no fondo da sala, en dúas zonas separadas. (BM)

Nesta toma os micrófonos foron colocados na entrada da sala. Ao final escoitase ruído de recoller o material de gravación. (XX)

Nesta outra toma os micrófonos foron colocados en sitios moi afastados. Un no fondo da sala e o outro ao comezo a carón dunha pedra que recibía unha pinga, de aí eses golpes máis graves. (BM)

Sala B
Gravación do interior da cova nunha sala aberta con saída ao exterior. Escoitábanse sons de avións e moscas ademais das pingas de auga características. Os micrófonos foron colocados en dúas zonas separadas, un apuntando cara a ampla parede da cova, e o outro cara a unha pequena caída de auga. (BM)

Gravación do interior da cova nunha sala aberta con saída ao exterior. Tocáronse dúas zoadeiras de madeira. (XX)

De fondo, nesta toma Ramon Almuinha toca unha zoadeira. (BM)

Imaxes: 1. 2. 3. 4. 5. Alba Cid.

A Cova do Pico Sacro ou Burato dos Mouros

Data: martes, 29 de agosto de 2023
Hora: de mañá e tarde
Lugar: O Pico Sacro. Lestedo. Boqueixón
Pedra: Seixo
Descarga en calidade

Fixemos dúas xornadas de gravacións. Unha en xaneiro e outra en agosto. As diferencias son moitas e sobre todo, coma sempre, a presenza da auga marca os contrastes. En xaneiro hai pingas de auga, por exemplo, e en agosto non.

Pero máis aló dos aspectos estacionais, o que máis nos chamou a atención é a capacidade da cova para conter no seu interior o son da súa contorna. A furada do pico sacro é unha sima ou especie de túnel en vertical que atravesa as profundidades da montaña. O son entra polas bocas e retórcese dentro dela, suspendido, xerando un eco do exterior no interior. Calquera son de fóra, os avións, trens, cortadoras de céspede, motoserras… queda atrapado dentro, coma realimentándose ou provocando calquera tipo de efecto acústico. A intuición que se ten logo de varias gravacións é que a cova pode dar moito máis de si, e que dependendo dos axentes externos a ela pode producir cantidade de sons inesperados.

Xóan comentaba que sería curioso asistir a unha actuación onde unha persoa estivese cantando na Boca Norte, e o público a escoitase na Boca Este, xa que a voz, ao atravesar toda a furada, sufre unhas transformacións moi curiosas.

Cova Este ou A Contramina de Juan Antón
Toma interior. Escóitanse voces que veñen da boca Norte. Apreciase a forte reverberación que se produce. Os micrófonos atopábanse suspendidos dentro da sima. (XX)

Toma onde se escoita o ruído de pedras caer ao Burato dos Mouros, o fondo da sima. (XX)

Toma interior tomada ao mesmo tempo que a toma exterior seguinte. Percíbese a capacidade da cova para reverberar dentro todo o son do seu entorno, que chega a producir un son propio. Escóitanse tamén explosións dunha mina próxima. (XX)

Toma exterior. Escóitanse nun primeiro plano os fentos que baixan pola ladeira e a mesma explosión. (BM)

Cova Norte ou O Pazo da Raiña Lupa
Toma interior en inverno. Escóitase o paso dun helicóptero e as profundas reverberacións que se xeran dentro. (BM)

Toma interior en inverno. Escóitanse as pingas de auga e o eco. Os micros atopábanse suspendidos dentro da sima. (BM)

Toma interior de pedras. Os micrófonos foron lanzados quedando un deles máis preto da boca que o outro. De aí que semelle que a pedra vaia dun lado a outro do espazo estéreo. Pode observarse a profundidade da cova polo tempo de caída da pedra. (BM)

Créditos

(XX) Gravacións feitas por Xoán-Xil López
(BM) Gravacións feitas por Berio Molina

A curta «Furada Negra» conta co apoio das axudas ao Talento Audiovisual da AGADIC.