Os sons do liño

28 mayo 2008

O presente artigo pretende ser unha primeira aproximación as sonoridades que se dan durante o proceso de traballo co liño: dende a sua recollida nos campos, ata a elaboración do produto final: prendas, telas, cortinas…). Inclúe gravacións dos procesos de Mazado, espadelado, rastrexado, elaboración da mazaroca, Fiado na roca, e diversas tomas dun tear típico de traballo co liño.

PROXECTO FONOTOPÍAS DE GALIZA – SONS EN PERIGO DE EXTINCIÓN

Proxecto financiado parcialmente pola Consellería de Cultura e Deporte, Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia.

 

Os Sons do Liño

 

1.O ciclo de produción do liño

O proceso de traballo co liño dende a súa plantación ata a elaboración das prendas ou telas nos teares comprendía toda unha serie de tarefas que había que desenvolver unhas a continuación das outras. Comezábase por sementar a planta do liño, para, así que medraba e acadaba unha altura suficiente, recollelo. Despois de recollido procedíase ao ripiado, é dicir, separar a semente do tallo. O seguinte proceso era o do mazado. Mediante el, conseguíase que a planta quedase branda e dócil para traballala. Despois do mazado, viña o proceso de espadelalo, que consistía en pasar o liño por unha especie de coitelo de madeira que permitía separar o que interesaba da planta do que non. Despois había que rastrexalo, operación que consistía en pasalo a través dunha especie de peite, para conseguir que acadase un aspecto sedoso. Despois procedíase ao fiado, que permitía obter unha mazarocas co liño onde xa estaba coma fío, e despois facíase o debanado, que permitía obter os fios que finalmente se usaban no tear para a confección das prendas correspondentes.

o obxectivo do presente traballo non é realizar unha descrición detallada dos procesos que envolvían o traballo co liño, senón documentar fonográficamente as sonoridades implicadas neles. Para unha descrición detallada dos traballo co liño, e de cada unha das ferramentas empregadas nas distintas fases do proceso de transformación, suxerimos consúltese [ANONIMO], [RUIBAL-07], [ADMIN-FILLOS-04] ou [ALUM-CERDEIR].

2.Xustificación

Os procesos que envolvían o traballo co liño practicamente teñen desaparecido, por seren substituídos, por un lado as materias primas por outras de menor custe e maior durabilidade, e por outro, as maquinarias involucradas no proceso produtivo por outras de carácter mais industrial e mais rendibles economicamente. Ámbolos dous factores repercutiron en que a demanda do liño decaese fortemente, e polo tanto, ao non resultar rendible, deixárase de traballar. Hoxe en día traballase coma artesanía. Podemos considera os sons do proceso produtivo do liño logo, como Sons en perigo de extinción pola aparición de novos sistemas e materiais de produción, que substitúen aos antigos.

3.Descricións das gravacións

Unha das primeiras actividades a realizar despois de segar o liño é o mazado. Este consiste basicamente en esmagar, cun mazo de madeira, o liño, para que quede brando e poida ser traballado con facilidade. Na gravación que se presenta apreciase claramente o golpear seco da madeira contra a pedra na que está o liño. A madeira produce un sonar seco poboado de medios, mentres que a pedra aporta amónicos agudos que enriquecen o conxunto. Nótese a reverberación da estancia onde foi realizada a gravación, que produce un efecto rebote enchendo a paisaxe de graves de corta duración pero claros e perfectamente identificables. Así mesmo o liño sintese na gravación aportando un son como de arrastre, de corta intensidade, característico e que poboa, inda que con pouca intensidade, o espectro medio-agudo das frecuencias.


Nesta outra toma do proceso de mazado, mais próxima ao mazo, a reverberación do ambiente case queda enmascarada polo son do golpe do mazo en si mesmo. Polo demais as sonoridades que se aprecian son semellantes as da toma anterior, pero con unha presenza moito máis clara do son percutido da maza, e o seu corresponder na pedra.


No proceso de espadelado afíase o liño para extraer a parte que interesa da que non serve para elaborar os fíos e as telas. No son producido destaca o rascar do liño cando a espadeleira pasa por riba del. Tamén resulta moi característico o golpear das dúas pezas de madeira cando se colle pouco liño de por medio, producindose un golpe seco. O rinchar agudo que se escoita en cada golpe é producido polo taburete onde, nesta toma en concreto, estaba apoiada a táboa de espadelar.


Nunha toma mais próxima do proceso de espadelado, podemos escoitar claramente o son do rascar da espadela contra os tallos do liño.


A nosa informante, Carmen Riveiro, cóntanos como hai referencias en cantigas ao proceso do espadelado, e mais explica que hai toda unha serie de referencias na cultura popular aos procesos do liño, especialmente relacionados coas mulleres.


O proceso de rastrexado consistía e pasar por unha especie de peite o liño para que quedase mais «sedoso». As sonoridades deste proceso destacan polos agudos e medios que crea o liño ao pasar por entre os cravos do peite. Tamén se aprecian certos graves creados pola madeira onde están cravadas as puntas, que actúa como caixa de resonancia dos sons do rozamento do liño contra as puntas.


A nosa informante, Carmen Riveiro, explicando en que consiste o rastrelado e para que se fai o rastrelado.


O proceso de elaboración das mazarocas apenas produce son, e o que fai é case imperceptible, cheo de agudos que parecen como chisporrotear mentres o liño vaise enroscando formando a mazaroca.


Unha vez elaborada a mazaroca pásase ao proceso de fiado na roca. Escoitase o golpear arrítmico da roda ao xirar contra o eixo que a reten. A goma da fía tamén rincha proporcionando uns agudos moi claros e puntuais. Temen, ao principio da toma, percíbese o roldar da mazaroca desenvolvendo o liño que ten enroscado, que conforme solta o liño, vai atenuando o seu son.


A riqueza de harmonías sonoras que atopamos nun tear tecendo liño abraia a calquera. As súas pezas soan ao ritmo que marca a tecelana. Harmonías das que podemos distinguir o correr dos fíos dun lado para o outro, as ferraxes dos metais que compoñen o tear golpeados con forza polas madeiras, ou o rinchar das madeiras queixándose de cada golpe que teñen que soportar.


Cada certo tempo a tecelana ten que parar de tecer e apertar as telas para que non perdan tensión os fíos e sigan tecendo. Rinchar de muelles, pancas, ferros e madeiras cando se lle pide ao tear que aprese ben os fíos.


Outra toma do tear tecendo, onde se aprecia con moita mais claridade o rinchar das madeiras en cada liña que se tece, i o pasar do fío que manexa a tecelana.


Nesta toma apreciase a violencia do golpe das madeiras en cada liña da tela que tece o tear. Amais, apreciase tamén claramente as partes ferrosas do tear golpear unhas con outras no extremo mais agudo do espectro sonoro.


Outra toma do tecer do tear dende unha perspeciva mais afastada, onde aparece con mais presenza o son das madeiras golpeando unhas contra outras, facendo ao conxunto amainar a intensidade dos sons nas frecuencias agudas.


Nesta outra toma apreciase claramente o bulir traveso do ovillo que manexa a tecelana por baixo dos fíos que van nas guías do tear.


Nestoutra toma do proceso de tensado, apreciase claramente o son das cadeas golpear mentres fan que se tensen os fíos.


De lonxe, o son do tear misturase ca reverberación natural da sala onde se atopa, facendo que ningún dos sons que produce destaque sobre os outros. Un tear tecendo, con todos os seus compoñentes soando en harmonía.


A tecedora debe parar de tecer, levantarse, tensar o tear e volverse a sentar cada certo tempo.


Outra toma dende lonxe, onde os sons da madeira do tear parecen perderse a favor do petar dos elementos metálicos e do rozar dos fíos co tear.


Outra toma do proceso de tensado, onde hai un primeiro intento que non convence a tecelana. Os fíos deben quedar ben tensados, senón as telas non saen ben bonitas.


4.Liñas de traballo futuras

Inda que se tentou recoller os sons do xeito mais completo posible, perdéronse moitos matices que sería preciso tentar recoller, sobre todo en un entorno fora de laboratorio. As actividades de interior do ciclo produtivo si quedarían suficientemente representadas no presente artigo, inda que, ao ser a informante unha persoa sola, perdese o carácter sonoro de interacción social que en moitos casos incorría nos procesos de fiado, rastrexado i espadelado. Sería preciso recoller o sons destes traballos nunhas sesións «reais» onde varias «cuadrillas» se xuntaran para realizar artesanalmente as devanditas actividades. Así mesmo, actividades do ciclo produtivo do liño realizadas tipicamente en exterior, caso da sega ou a do mazado, sería preciso tentar recollelas no seu entorno natural de realización.

5.Agradecementos

Para a redacción deste artigo recorremos á asociación de amigos do liño, que teñen no castelo de Vimianzo, e no marco das feiras de artesanía galegas promovidas pola Diputación da Coruña, unha mostra de todos os traballos que se realizaban no liño dende a recollida ata a confección nos teares das telas. As gravacións expostas neste artigo foron realizadas en febreiro do 2008. Agradecer a colaboración da asociación de amigos do liño da provincia da Coruña, especialmente a súa presidenta no momento de facer a redacción, Dña. Carmen Riveiro Ferreiro, que foi quen teceu, espadelou, rastrexou e fiou para nos recoller os sons de todo o proceso. Agradecementos tamén para a Deputación da Coruña e para o concello de Vimianzo por teren organizado a feira de artesanía que foi onde se recolleron os sons presentados neste traballo.

A1.Referencias

[ALUM-CERDEIR]Alumnado de 6º de Primaria do CEIP de Cerdeiriñas, «O Liño», portal educativo da consellería de educación e ordenación universitaria da Xunta de Galicia. <http://www.edu.xunta.es/portal/contenido?comando=ContenidoDinamicoComando&accion=verRecurso&rID=79f037d4-4532174a-010157db-718e0f42&trID=8921cb80-453431ca-001803fb-54f18d4a&roID=56d4e69c-4532174a-01f1c407-17541c80&lID=gl&troID=89165fda-453431ca-001803fb-7166bfe9>[Accedido en marzo 2008]

[ANONIMO]Anonimo,»O liño en Galicia», <http://linho.iespana.es/> [Accedido en Marzo 2008]

[ADMIN-FILLOS]Administrador da Web Fillos de Galicia,»O traballo do liño», Abril 2004. <http://www.fillos.org/galicia/modules.php?op=modload&name=News&file=article&sid=321> [Accedido en Marzo 2008]

[RUIBAL-07]RUIBAL, Milagrosa. «O liño», Centro Etnográfico Terra de Montes, 2007. <http://cetmo.trazantes.com/o-lino/> [Accedido en Marzo 2008]