O Bucio de Figueiroa

18 julio 2008

O presente artigo presenta unha recollida dun sistema de aviso para reunións entre veciños dunha parroquia empregado comunmente na zona do interior da provincia de pontevedra.

PROXECTO FONOTOPÍAS DE GALIZA – SONS EN PERIGO DE EXTINCIÓN

Proxecto financiado parcialmente pola Consellería de Cultura e Deporte, Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia.

 

O Bucio de Figueiroa

 

1.Introducdión

Neste artigo presentase a gravación do son producido por un bucio. O bucio é un sistema de chamada colectivo que se empregaba para convocar reunións de veciños dunha parroquia. O que aquí se presenta foi recollido na parroquia de Figueiroa [GLWIKI-01][GOOMAPS-01], no concello de Cerdedo[GLWIKI-02][GOOMAPS-02], no interior da Provincia de Pontevedra.

2.O O son do bucio

A pesares de pesquisar de xeito intensivo na internet, non conseguimos atopar ningunha documentación en liña relativa ao bucio ou buxeiro e o seu son. Descoñecemos se existe algunha referencia na bibliografía escrita a este aparello, pois nos, non fomos quen de atopar ningunha nas fontes bibliográficas habituais.

Recurrindo as fontes orais, os nosos informante, contan que o bucio era empregado antigamente para facer as chamadas as reunións de veciños en cada parroquia. É lóxico utilizar este tipo de sistema de aviso sonoro, pois é civil (permite a independencia da entidade relixosa e non usar as campas), e ademais, como calquera outro aviso sonoro, permite ser entendido por persoas que non sepan nin ler nin escribir.

Segundo nos contaron os nosos informantes, cada parroquia tiña o seu propio bucio (que dependendo da parroquia podía ter un nome ou outro), i era o pedanio da mesma o encargado de facer as chamadas as xuntas. Cada parroquia tiña ademais o seu propio toque, de xeito que os veciños podían saber que parroquia era a que se estaba chamando a reunión. Ademais, cóntanos que se solían facer varios toques para unha mesma convocatoria en puntos estratéxicos da parroquia, para facilitar que se enterasen todos os veciños.

A dia de hoxe (marzo do 2008), as chamadas do bucio teñen desaparecido, sendo empregados simplemente de xeito testimonial nalgunha celebración. Dado o alto grado de avance das telecomunicacións foron sustituidos por outros sistemas mais efectivos e rápidos de aviso (telefonia movil, radios, carteis…)

Un bucio non é mais que unha caracola marina, de certas dimensións, e traballada para conseguir un son con certo corpo qu permita o seu uso como ferramenta de sinalización acústica.

Particularmente o bucio que recollemos nestas gravacions proven, segun os nosos informantes, das costas de Florida, onde foi recollida por un emigrante a mediados do século XIX. No seu retorno a Cerdedo, cedeuna ao pedáneo para o seu uso como bucio, e así pasou, ata o momento de redactar este artigo, de pedáneo a pedáneo, de xeito que podemos afirma que o bucio recollido tiña, no momento da gravación, mais de 100 anos de oficio.

3.Xustificación

A inclusión deste son no proxecto de fonotopias esta plenamente xustificado na súa desaparición inmediata debido a que deixa de ter funcionalidade. Actualmente, existen toda unha serie de métodos e tecnoloxías (carteis, moviles, megafonías…) que poden ser empregadas para convocar reunións nas parroquias e que resultan maís cómodas e seguras que o sistema aquí descrito. E por elo que resulta lóxico prever que o uso do bucio como sistema de aviso desaparecerá progresivamente, e por elo, creemos que a súa inclusión neste proxecto está xustificada.

4.Descripcións das gravacións

Inda que parece un pouco afónico polos anos, o bucio ou buxeiro de Figueroa inda resoa. Produce unha especie de quexido grave, típico do soar dunha caracola. Fai falla pulmón para facelo soar. Polo menos iso debe ser o que pensa o pedáneo que o sopra, que se achica as veces.


Unha toma, mais próxima que ao bucio. Escoitase perfectamente o aire entrar no bucio, e percíbese mellor o esforzo que fai o pedáneo ao soprar o bucio.


Inda que parece unha serea artificial, é unha concha soprada por unha persoa. Escoitada algo alonxados, soamente percibimos un pitar forte que podería estar producido por calquer corneta.


Son seco, concreto, claro, inda que algo ronco ou afónico, cheo de graves, e con poucos agudos, pero non por elo menos perceptible e moi empregable como sinal acústica. Así sona o buxeiro (ou bucio) de Figueiroa, parroquia de Cerdido.

5.Liñas de traballo futuras

Segundo indicou o pedáneo que fixo soar o bucio para nos, na zona de Cerdedo onde se empregaban este tipo de métodos para chamas aos veciños, cada parroquia tiña o seu propio toque distintivo, para que se soubera claramente cando se chamaba a unha parroquia ou a outra. Seria moi interesante recoller o son dos toques que se daban para cada unha destas parroquias en particular. Tamén, nalgúns casos, o toque era distinto en función do asunto a tratar, ou da reunión a convocar. Tanta variedade de toques debería quedar recollida en gravacións sonoras para impedir que se perdese, ao morrer as persoas que facían e coñecían eses toques pois, a dia de hoxe, case non se emprega este método para chamar os veciños.

6.Agradecementos

Para a redacción deste artigo contamos coa inestimable colaboración de Moncho, o alcalde pedaneo de Parroquia de Figueiroa, no concello de Cerdedo, así como de Jose Luis Carames e Jose Luis Cavada Linarte. Moncho foi a persona que tocou o Bucio para nos nas gravacións que presentamos neste artigo, mentres que J.L Carames e J.L Cavada foron as personas que, dende o concello, puxéronnos na pista do antedito. As gravacións presentadas foron realizadas en febreiro do 2008. Asimesmo, agradecer a Cristina Lombao, conductora do magazine de tarde da radio galega «O tren do seran» na tempada 07-08, que foi quen nos puxo na pista do son do bucio ou buxeiro aquí recollido.

A1.Referencias

[GLWIKI-01]Editores da Galipedia, ‘Figueiroa, Cerdedo’, Wikipedia, a wikipedia en galego, 7 xuño 2008, 12:46 UTC, <http://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Figueiroa%2C_Cerdedo&oldid=822307> [consulta 17 xullo 2008]

[GLWIKI-02]Editores da Galipedia, ‘Cerdedo’, Wikipedia, a wikipedia en galego, 10 maio 2008, 17:29 UTC, <http://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Cerdedo&oldid=789107> [consulta 17 xullo 2008]

[GOOMAPS-01]Google, ‘Google Maps’, Google Maps, 2008, <http://maps.google.es/maps?f=q&hl=es&q=Figueroa,+Cerdedo,+Pontevedra,+Galicia,+Espa%C3%B1a&ie=UTF8&cd=1&geocode=0,42.543311,-8.394537&ll=42.546694,-8.394542&spn=0.011951,0.035491&t=h&z=15&iwloc=addr> [consulta 17 xullo 2008]

[GOOMAPS-02]Google, ‘Google Maps’, Google Maps, 2008, <http://maps.google.es/maps?hl=es&client=firefox-a&q=cerdedo&ie=UTF8&ll=42.574827,-8.392181&spn=0.191133,0.567856&t=h&z=11&iwloc=addr> [consulta 17 xullo 2008]