Río dos Gafos

20 mayo 2008

RÍO DOS «GAFOS» – ASOCIACIÓN VAIPOLORÍO

O RÍO DOS GAFOS

«Nace no Mato da Xestiña, lugar da Boullosa, en Figueirido, concello de Vilaboa, e despois de percorrer 10.830 mts. verte as súas augas xunto coas do río Lérez na Ría de Pontevedra, no barrio pontevedrés das Corbaceiras.

Varios son os afluentes que achegan auga o seu caudal, entre os que cabería destacar: rego de Antiguidá, Río Miñoto ou Filgueira e Ponte Bala pola súa marxe esquerda, e Río de Bois, Río do Barco, Río Pombal e Pintos pola marxe dereita.

O curso principal do río pode cruzarse por medio dun total de 16 pontes. Ademais diso, no barrio de Campolongo, o río flúe a través dun treito de canalización soterrada de 525 mts. de lonxitude.

As vías de comunicación máis importantes que paralelamente acompañan ó río son: a Estrada Nacional N-550, a Estrada Provincial EP-0002, a vía férrea Pontevedra-Vigo, e o Camiño Portugués.

O río, ten distintas denominacións, segundo os lugares por onde pasa. Así, chámase COCHO, REGHEIRO, DAS VEIGHAS DA PORTA e DA ESTACIÓN en Figueirido, TOXAL en Bértola, TOMEZA en Tomeza e Salcedo, e MENEXO, ESTACIÓN, PALAMIOS, DA GOLETA, DA TABOADA e DOS GAFOS no núcleo urbán de Pontevedra.

É dos poucos ríos de Galiza que ten unha clara orientación sur-norte e un trazado case lineal. De feito, só nos últimos 600 m do seu percorrido describe unha curva á esquerda que o encamiña xa de forma directa cara ao seu punto de encontro coa ría de Pontevedra.

CAUDAL

O aumento e descendo do nivel das súas augas ven marcado, de xeito evidente, pola pluviosidade das estacións do ano. Así, en outono e inverno é cando acada os seus maiores caudais pois son as épocas das grandes chuvias.

No verán, pola contra, é cando menos auga leva no seu leito por ser o período máis seco do ano. Alén diso hai que considerar tamén o uso excesivo que se fai das súas augas para o rego das leiras e predios que se dispoñen nas súas beiras: ben a xeito de canles ou acequias, ben extraendo directamente a auga por bombeo.

LEITO

Como consecuencia directa da dispersión poboacional galega este río discorre case sempre á beira de asentamentos humanos máis ou menos densos e o seu máximo expoñente na cidade de Pontevedra.

Polo tanto as súas marxes vense constantemente alteradas por mor das diversas actividades humanas do territorio: agricultura, obras públicas e infraestructuras entre outras.

Iso conleva, ás máis das veces, a unha forte regresión ou mesmo desaparición da vexetación de ribeira, nomeadamente das árbores. Accións deste tipo supoñen unha grande ameaza de contaminación para a auga do río pois a chuvia pode arrastrar con facilidade fertilizantes, pesticidas, herbicidas e demais compostos ata o leito do río, co conseguinte impacto na súa calidade físico-química e biodiversidade.

CANALIZACIÓN

Este pode ser un exemplo máis claro da transformación dun río nunha corrente subterránea. No barrio de Campolongo, xa no tramo urbano, o río é canalizado durante uns 525 m. Por riba del, paseos e edificios conforman un polígono urbano moi poboado, froito da expansión urbana que experimentou Pontevedra nos últimos 20 anos.

O noso río volve ver a luz do ceo xusto antes de percorrer os derradeiros 200 m que o levan a se entregar ao mar nas Corbaceiras, alá á beira do peirao onde foi construída a carabela Santa María polo Gremio de Mareantes, en pleno século XV. El foi testemuña viva daqueles tempos.

BIÓTOPOS PRESENTES NO NOSO RÍO

Entendemos por biótopo “o medio físico ocupado por unha comunidade ou poboación determinada de seres vivos”.

Partindo desa acepción, unha simple análise durante os percorridos feitos a carón do río deu como resultado a determinación dunha serie concreta de biótopos presentes en toda a súa lonxitude.

Porén, para favorecer a súa caracterización faise a clasificación atendendo á relación existente entre eses lugares e a presenza humana, como factor decisivo á hora de falarmos de zona natural ou non.

Así, segundo o tipo e porcentaxe de superficie cuberta, podemos falar dos seguintes biótopos:

Áreas urbanas ou semiurbanas

Representan o 20 %, aproximadamente, da superficie total que rodea o río e que se encadran no seu treito final, é dicir, no sur percorrido a través do solo urbano de Pontevedra.

O río aparece moi alterado nas súas marxes e na calidade das súas augas xa que recibe numerosas canles de desaugue e sumidoiros que o enturbian, alén da xa comentada canalización.

O bosque de ribeira desaparece por completo, o que deixa as beiras do río moi desprotexidas ante os axentes contaminantes, erosión por crecidas invernais, etc.

Áreas mixtas

Representan un 40 %, aproximadamente, do territorio polo que discorre o río, desde o seu nacemento ata os límites da vila de Pontevedra.

Caracterízanse por un grao medio-baixo de alteración por parte do ser humano e son zonas onde a actividade principal está vinculada á explotación agroforestal da terra.

O río presenta, en liñas xerais, un bo estado de conservación, agás certos puntos negros nos que aínda é posible descubrir vertidos contaminantes ou a destrucción masiva de vexetación de ribeira.

Nestas zonas é tamén moi frecuente a substitución, ás veces irracional, das árbores autóctonas por outras de crecemento rápido, sobre todo eucaliptos, que mudan por completo a paisaxe natural do río e provocan unha diminución da súa riqueza biolóxica.

Áreas naturais

Ocupan, igual cás anteriores, un 40 % da superficie total percorrida polo río.

Son, sen dúbida, as áreas máis fermosas e testemuñas de cómo foi ata hai pouco a paisaxe habitual neste tramo río abaixo.

A vexetación de ribeira chega a ser en certos lugares dunha densidade sorprendente, sobre todo no referente ao estrato herbáceo e ao sotobosque: fentos, liques, brións, silvas, xilbarbeiras e mesmo lúpulo, compartes hábitats con outras moitas especies de plantas e arbustos, nos que hai que salientar estripos, abruñeiros, e loureiros.

No tocante ao bosque de ribeira cómpre destacar a variedade de especies atopadas así como a densidade presente dalgunhas delas. con todo, facemos unha clasificación deses bosques en tres categorías:

Brañas: é un dos tipos máis abondosos e característicos do noso país, definidos por un elevado grao de humidade e asulagamento da capa superficial do solo. As árbores típicas deste hábitat tan particular son, sobre todo, os salgueiros e amieiros, que están perfectamente deseñados para viviren nestas condicións.

Fragas: trátase do bosque tradicional galego, mestura de diversas especies de árbores. Aquí aparece en zonas máis ou menos dispersas pero en condicións de conservación case óptimas. A especie máis frecuente é o carballo, con algúns exemplares de tamaño e altura extraordinarios, xunto cos freixos, bidueiros, chopos, amieiros e unha morea de plantas e arbustos no chamado sotobosque.

Soutos: son bosques monoespecíficos (formados por unha única especie), de castiñeiro. A súa orixe hai que buscala na acción humana pois xorden como consecuencia do cultivo desta árbore para a obtención de madeira e/ou castañas».

(Texto: Ramón Sineiro, Jaime Vila e Vaipolorío)

http://www.vaipolorio.com/

SONS

Gravacións realizadas coa asociación Vaipolorío.

Fonte do Salgueiriño (nacemento do río)

O río dos Gafos nace en Figueirido (Vilaboa) na fonte do Salgueiriño, Mato da Xestiña en Boullosa

Presa do muíño do Toxal

Tramo río Toxal na parroquia de Bértola (Vilaboa).

[Esta última foi realizada cun hidrófono]

Ponte dos Rocíos ou da Estrada

Tramo río Toxal ó seu paso pola Ponte dos Rocíos ou da Estrada.

As Brañas de Tomeza

Tramo río Tomeza nas Brañas de Salcedo, onde se poden escoitar diferentes tipos de aves.

[esta última foi realizada cun hidrófono]

Río dos Gafos. Mar da Presa. Tomeza

Zona Mar da Presa ó carón do da presa do Muíño de Cabanas.

O Gorgullón. Pontevedra

Ó carón da Fonte dos Pasales ou Fonte do Gorgullón.

Ponte Nova. Pontevedra

Peirao das Corbaceiras. Pontevedra

Desembocadura do río na ría de Pontevedra.

Videos producidos pola asociación Vaipolorío: