Sons da Terra de Celanova

10 enero 2007

Sons da Terra de Celanova

Concello da Provincia de Ourense en Galicia.

Xeografía

Celanova está comunicada con Ourense pola N-120, que continúa cara o sul, chegando a Portugal en Celanova. O concello está atravesado por numerosos ríos, entre os que destacan o Arnoia e os seus afluentes, o Orille e o Tuño. Conforman unha bacía fluvial de pendente acusada. A metade occidental (arredor do Tuño), é máis elevada e a poboación concéntrase nos vales orientais (Arnoia e Orille). Chove pouco (772 mm, cun mínimo no verán de 66 mm). A oscilación térmica é grande: 24°C, entre os 7°C de xaneiro e os 35°C de xullo.

Historia

En 936 San Rosendo fundou o Mosteiro de San Salvador de Celanova, ao que se lle foron outogando numerosas doazóns e privilexios. No século XI era o máis poderoso e os seus dominios estendíanse pola Alta Limia, Monterrei e O Ribeiro. Os irmandiños destruíron as fortalezas de Milmanda e Vilanova dos Infantes. Desde o século XV o mosteiro foi vítima de depredazóns por parte dos nobres e tivo que ser recuperado polos Reis Católicos. A partir de 1506, coa adhesión aos mosteiros beneditinos de San Benito El Real de Valladolid, perdeu independencia, se ben foi quen de conservar o seu esplendor. Celanova sofriu as consecuencias das disputas entre Portugal e España debido á súa proximidade á fronteira. No século XIX, durante o Trienio Liberal, o mosteiro foi exclaustrado e, finalmente en 1837, desamortizado.

Cultura

A parte antiga da vila de Celanova está declarada Conxunto Histórico Munumental. O Mosteiro de San Salvador de Celanova conta cunha igrexa abacial do século XVI, obra de Melchor de Velasco, dous claustros e as dependencias monacais. A Capela de San Miguel é mozárabe.

Moi perto está Vilanova dos Infantes, que conserva a Torre da Homenaxe, do século XIV. O castro de Castromao, nun outeiro próximo, é dos máis interesantes de Galiza. En Milmanda, a igrexa parroquial (século XVIII) érguese sobre un castelo do século X. En Rabal hai unha ermida renacentista. Sobre o río Arnoia, a ponte romana de Freixo conduce ao concello de Cartelle.

(información da Galipedia)

Aldea do Pazo – Paxaros e moscas

Escoitamos nesta paisaxe un concerto de paxaros, que interpretan as súas melodías como unha mostra de xúbilo existencial e reto entre eles para definir cal é o mellor cantor. As abundantes moscas do verán xiran contorna ao micrófono trazando o seu movemento no aire, o son faise imaxe e case podemos ver ás moscas voando arredor noso. Na distancia poden escoitarse os retumbos das lumes artificiais que anuncia unha festa.

Celanova – Aldea de Ludeiros – Eido cheo de herba verde

Esta paisaxe corresponde a un campo regado por un regatiño, nel pódense escoitar varias especies de insectos, en primeiro termo un coro de grilos pronuncian: di didi dididi di….. , por debaixo deles soa unha especie de grilo sonaxeiro: tiritiritiritiritiritir…, as moscas pasan nñiiiiiiiii. . . e os paxaros cantan sobre eles. A douscentos metros un campo cheo de herba seca, contén insectos totalmente distintos.

Celanova – Aldea de Ludeiros – Eido cheo de herba seca

Nesta paisaxe o vento axita a herba seca, case podemos ver como se mece mentres espalla as súas sementes para a próxima estación. Os insectos están en silencio diante da presenza dun potencial depredador (Carlos Suárez), cando advirte que non o é, comezan cada un a marcar o seu territorio cun son penetrante; ziriziriziriziri…. Formando un mesto tecido estereofónico de sons.